Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño. O Jazz de Ría estende o seu feitizo pola comarca e vai sumando escenarios. Valdoviño é a gran novidade desta edición. O luns 21 levarase adiante un roteiro que contará coas intervencións de Fausto Escrigas e Lorena Cachito. Na praia do Baleo, ás 21.30 horas, actuará a vocalista galego-suíza Nastasia Zürcher.
Outra novidade desta edición, a sétima, será a incorporación dun novo espazo en Cedeira, ao sumar o Castelo da Concepción. Este concello, con Neda, será o protagonista do domingo 20. Ao mediodía (13.00 horas), na ribeira de San Nicolás actuará o trío Udra, coa súa combinación influencias ata dar co que a organización chama “neosoul en galego”.
Xa en Cedeira, pola tarde haberá un roteiro (18.00 horas) polo Sarridal e, unha hora despois, no Castelo da Concepción, escoitarase a proposta de música e literatura de Rilo e Penadique. Ás 21.30, no parque de San Isidro, actuarán Xosé Miguélez e Jean-Michel Pic Quartet.
O arrance do Jazz de Ría será en Narón. O venres 18 (21.30, parque de Freixeiro) agárdase, como prato forte e un dos momentos estelares da súa historia, o recital de Josemi Carmona e Jorge Pardo, con Moisés Fernández.
O sábado 19, nese mesmo espazo, gozarase coa Romaría Swing, desde o mediodía. A música póñena Stompy Seven Jazz Band, Swing on DJ’s, Os Bregadiers, St. James Dixie Band e Por Mí, Swing. Haberá un obradoiro de fabricación de instrumentos tradicionais con A Escola da Vaca e unha aula de baile con Swing On.