A Xunta continuará este luns cos traballos de limpeza e roza iniciados a pasada semana nas marxes das estradas autonómicas nas provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra.
No caso das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, as tarefas afectarán ao vial AC-566 ao seu paso por tres municipios: Cedeira, Cerdido e Valdoviño.
Desde a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta explican que estas intervencións consisten na eliminación da vexetación presente na zona de dominio público, así como na reposición ou reparación daqueles elementos de valado perimetral que se atopen en mal estado. As actuacións supoñen, así mesmo, o acondicionamento de zonas verdes, glorietas e sendas peonís.
“Con este programa”, indica a Xunta, “seguimos a intensificar as accións para previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas”, sostén o departamento autonómico.