Os municipios de Ares e Valdoviño veñen de preparar unha serie de actividades para conmemorar o Día do Orgullo Neofalante, que se celebra o vindeiro 1 de outubro.
Así pois, no primeiro dos municipios mencionados as propostas comezan hoxe mesmo nas instalacións do CPI As Mirandas, onde os estudantes participarán nun obradoiro para promover o uso do galego e que se centrará na creación de podcasts sobre música na lingua nai.
Mañá venres, ás 20.00 horas, a Alianza Aresana acollerá o espectáculo “Enredada” de Leticia Mirás (Leti da Taberna), aberto a todo o público (pensado especialmente para adultos).
Pola súa banda, o alumnado do CPI Atios de Valdoviño participaba onte no mesmo obradoiro no que tomarán parte os escolares aresáns hoxe. Baixo o título “Somos un pobo de artistas”, a rapazada de 4º da ESO profundizou na música “como recurso para promover competencias e actitudes en positivo cara a lingua galega”, indicaron dende o Concello.
A actividade conta co financiamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.