O Bloque Nacionalista Galego (BNG) compareceu para analizar os orzamentos da Xunta para o 2024 con respecto a Ferrolterra.
Os nacionalistas sosteñen que as contas medran no seu conxunto un 4,3% respeito os do ano anterior grazas “en boa medida aos fondos para a Recuperación e Resiliencia”, unhas axudas, que, recordaron, “teñen data de caducidade”.
A formación puxo o punto de mira nos recortes en partidas como o comercio, cun 14% menos, “un sector no que desapareceron 5.000 autónomos e autónomas os últimos 10 anos”; o desenvolvemento empresarial “cun 6% menos, en pleno cambio de modelo”, ou as actuacións ambientais “cun 13% menos ou a conxelación do Fondo para a cooperación local”.
Increméntanse, recoñecen, “aínda que menos do 4,3% que o conxunto dos orzamentos”, as partidas para Sanidade e Educación, “o que desbota calquer posibilidade de recuperar algo do terreo perdido durante estes anos de goberno do Partido Popular caracterizados polos recortes nos servizos públicos básicos”.
Polo que respecta á comarca, o deputado Mon Fernández censurou que os orzamentos do goberno galego para o vindeiro ano non consignan cantidade ningunha para a rexeneración da ría, para o sector naval ou para a transición enerxética e a reindustrialización das Pontes “Son un auténtico desastre”.
Os nacionalistas inciden en que as contas esquecen a mellora de centros de ensino con grandes deficiencias, “algúns que foron obxecto de iniciativas particulares durante a lexislatura”, ou a mellora da dotación dos centros de saúde de toda a comarca, “que tamén cada pouco tempo son obxecto de queixas e denuncias por parte de diferentes localidades”.
Na súa intervención, Fernández fixo unha referencia cinematográfica para calificar “a insuficiencia da Xunta para atender debidamente as necesidades dos galegos e galegas”.
Neste sentido, indicou que o presidente galego “padece o coñecido como ‘síndrome de Estephen Candie’, o mordomo negro da película Djando Desencadenado que se enfurece ao ver chegar un home negro montado a cabalo, e cando o seu dono lle pregunta se el tamén quere un cabalo contesta que non, que el o que quere é que o outro non o teña”.