O vicepresidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), Ramón Sestayo, e a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, asinaron un convenio de colaboración en materia de acción social.
Por dito acordo, o Concello comprométese a realizar unha aportación económica de 6.000 euros, destinados a que a entidade ofreza información e asesoramento individualizado ás persoas do municipio con discapacidade que requiran os seus servizos, especialmente aquelas que se atopen en situacións de risco.
O representante da Confederación indicou que, das 2.077 persoas inscritas na súa base de datos, 527 son de Narón. Tamén informou que das entrevistas realizadas por primeira vez –até o mes de setembro– un total de 27 foron de naroneses e naronesas e que 165 persoas atoparon emprego grazas ao seu traballo nos últimos meses –45 do propio municipio–.
Ferreiro puxo en valor “o labor que desenvolve esta asociación na cidade e na comarca, ofrecéndolles unha serie de ferramentas e recursos a través dos que continuar avanzando de cara á tan necesaria plena inclusión do colectivo”. A rexedora recalcou a importancia tamén de que 700 persoas fixesen uso do Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de Cogami no que vai de ano.