O executivo local de Pontedeume vén de conseguir unha subvención de 375.360 euros procedente do Ministerio de Turismo, cantidade que se destinará ás obras de rehabilitación do novo albergue de peregrinos.
O proxecto, presentado no marco do Plan de Sustentabilidade Turística da Comarca do Eume, será financiado con cargo aos fondos europeos “Next Generation”, do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno central.
Dende o Concello explican que os traballos recuperarán a antiga escola e posterior hospital, localizado ao carón da Igrexa de Santiago, que foi construído polo Arcebispo “Rajoy” no século XVIII. “O proxecto fortalece así o impulso e apoio do Concello de Pontedeume á mellora de servizos relacionados co Camiño Inglés”, apuntan.
A obra inclúe a rehabilitación da primeira planta do edificio, recuperando os muros perimetrais, a instalación dunha cuberta similar á orixinal e a adaptación das instalacións interiores como albergue de peregrinos.
Ademais, a nova distribución contará con espazos de recepción, descanso-dormitorio, aseos, comedor, estancias de lavandería e cadro de telecomunicacións.
Dende o Concello indican, tamén, que a instalación da iluminación realizarase con tecnoloxía LED e que os sistemas de calefacción e ventilación cumprirán cos parámetros de eficiencia enerxética esixidos actualmente.
No proxecto tívose en conta a especial localización do edificio, “xusto no lugar que ocupaba un dos tramos da antiga muralla medieval, no que se utilizará carpintería de madeira e materiais tradicionais”.
O novo edificio contará cun total de 32 prazas, recollendo así mesmo a posibilidade dunha futura ampliación cunha planta intermedia, sumando novas prazas de ser necesario.
O Consistorio eumés sostén que delegará na Deputación da Coruña a licitación do proxecto de rehabilitación, que se iniciará “nos vindeiros días”.