A nave de San Ramón será novamente, este domingo 30 de marzo, un fervedoiro de amantes dun dos produtos con máis tradición no municipio modestino: o queixo e, sobre todo, o artesán. O Concello impulsa a sétima edición da feira dedicada a este derivado lácteo, unha cita presentada onte no esplendoroso castelo da localidade coa presenza da alcaldesa, Beatriz Bascoy; do xerente de Lácteos Moeche, Domingo Pérez; do responsable comercial de Queixerías do Eume, Raimundo Meizoso; así como de entidades veciñais, culturais e deportivas, hostaleiros da localidade, representantes das granxas do concello ou da asociación gastronómica A Fame Neghra, entre outros.
Un total de 33 queixarías –18 galegas e 15 do resto do Estado– contarán con postos no evento, aos que se sumarán outros 21 de alimentación –moitos deles co selo de Artesanía Alimentaria– e de artesanía; unhas cifras que demostran o peso da cita modestina no calendario das feiras especializadas, como tamén o fai o feito de que moitos profesionais con Denominacións de Orixe de fóra do país pidan estar presentes. É o caso da asturiana Afuega’l Pitu. Ademais, cada ano cóntase cunha queixaría convidada, que nesta ocasión será tamén do Principado de Asturias: Asiegu, única queixaría ecolóxica con produción na Denominación de Orixe Protexida Cabrales.
A Feira do Queixo de Moeche supón moito máis que postos de venda de lácteos. O Concello prepara cada ano unha programación complementaria co obxectivo de que as familias que se acheguen ao municipio poidan gozar dunha xornada completa.
Así, entre as actividades propostas atópanse catas comentadas (ás 12.00 e ás 13.10 na carpa de actividades, a cargo de Alejandro Montes), obradoiros infantís de elaboración de queixos e de flores con folla de millo (12.00, 13.10 e 17.00, tamén na carpa), música a cargo dos Cantaberneiros (13.00); saídas en bus para coñecer o castelo de maneira gratuíta (11.45 e 17.15), sorteos de lotes con produtos da feira (14.15 e 18.20) e un peche “máxico” para a cita coa Gala de Maxia de Dani García. Ademais, o Consistorio pon a disposición autobuses cara a estación do tren para facilitar a asistencia.
Malia non contar aínda cunha denominación de orixe, a alcaldesa remarcaou a longa tradición queixeira no municipio, recordando que no recinto feiral sempre houbo unha “nave do queixo”, aproveitando as familias do municipio o excedente de leite para contribuír á economía doméstica vendendo este derivado lácteo. “A feira nace no 2016. É moi pequena aínda en idade pero ten unha infancia moi boa. E, como todos sabemos, ter unha boa infancia é moi importante para ter un bo futuro”.
Pola súa banda, o xerente de Lácteos Moeche, Domingo Pérez, fixo fincapé na importancia que ten o sector na zona, invitando á cidadanía a acudir este domingo á nave de San Ramón.
“É moi importante e, a pesar de que os gandeiros están indo en decadencia, este tipo de proxectos como o noso ou como o de Queixerías do Eume poden dar un valor engadido á zona”, aseverou.
Namentres, Raimundo Meizoso sibliñou a calidade do evento modestino dende a súa experiencia de participación en moitas outras nacionais e internacionais. “Esta é unha das feiras referentes da comarca. Concellos coma este, que miran por darlle ao campo galego un valor engadido son dignos de agradecer”.
Apuntou, así mesmo, que “cando empezamos a viaxar, démonos conta de que os nosos produtos non tiñan un valor fóra das nosas fronteiras. Duns anos para aquí, os queixos galegos, ou os embutidos da Comunidade, foron collendo recoñecemento”.