San Sadurniño aproba a distribución do Plan POS+

San Sadurniño aproba a distribución do Plan POS+
Un instante da sesión plenaria I Cedida

O Consistorio de San Sadurniño aprobou na primeira sesión plenaria de carácter ordinario do ano a distribución dos fondos do POS+ 2025 da Deputación da Coruña. Así, saíu adiante adicar 395.000 euros a gastos relacionados cos consumos enerxéticos e outros 164.000 á reparación de oito pistas da rede viaria do municipio –a de Sabanda ata A Pena; a de Bouzarrama a Pramado; as de Leiras, Vilanova e a do Chao á Laxe (todas en Lamas); así como a pista entre A Barcia e Os Foxos (Naraío) e os camiños de Bouzamaior e O Outeiro (Igrexafeita).


Ademais, tamén se lle deu o visto e prace aos proxectos do Plan Complementario do organismo provincial, que se aproban agora, “coa expectativa de que a Deputación xere novas partidas económicas ao longo do ano para poder executalos”, indican desde o Concello. Neste sentido, aprobouse o aglomerado dos eixos Vilela-Bouzarrama-Fontela e Ramisqueiras-As Leiras-Vilela.


Tamén o arranxo da pista que enlaza a Fontela co Fabal e a AC-862 e os asfaltados doutras vías como a de Cadavás, a pista Os Pontigos-Piñeiros, os camiños que unen A Fraguela con As Costeiras e Casatellada, así como as pistas que conectan os lugares de Ferraría, O Batán, Pielas e A Cernada, entre outros.

 

RTP

No pleno abordouse, tamén, a resolución dun recurso de reposición presentado por dúas traballadoras municipais contra a modificación puntual da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello. O executivo admitiuno e desestimouno, entendendo que a tramitación dos cambios “cinguiuse rigorosamente” ao procedemento.


Na oposición, o PSOE estivo dacordo coas teses do informe técnico, mentres que o PP anunciou a súa abstención. 

San Sadurniño aproba a distribución do Plan POS+

Te puede interesar