O Sonoro Maxín porá as últimas notas da Festa do Pan

Este broche de ouro complétase cos grupos Berros do Castro, Los Zares, A Charanga da Carmiña e Encrucillada
O Sonoro Maxín porá as últimas notas da Festa do Pan
Os músicos do grupo proceden da unión de Lamatumbá e Cinnamon Gum | CEDIDA

Un concerto dobre, a cargo de Encrucillada e O Sonoro Maxín, pechará esta XXXIV edición da Festa do Pan de Neda, o domingo no paseo marítimo de Xuvia. Non obstante, estas non serán as únicas propostas musicais do día.


O grupo Berros do Castro animará o evento dende media mañá, precedendo á lectura da pregoeira. Como adoita ocorrer, despois ofrecerase unha sesión vermú, da que se ocuparán Los Zares, unha banda que ademais de ter en Neda o seu local de ensaio habitual, forma parte da historia musical de Ferrol dende hai máis de medio século.


A Charanga da Carmiña continuará coa música despois do xantar popular e Encrucillada comezará o seu concerto arredor das 18.30 horas. Este cuarteto de folk, con cantante de orixe local, presentará o seu último disco “De Volta!”, que focaliza nas melodías para o baile e as foliadas. Para rematar, O Sonoro Maxín, que no 2017 gañou o premio Martín Códax na categoría de Reggae, ska e mestizaxe, achegará os seus diversos estilos, que van dende a cumbia até o forró, pasando polo merengue e o rock.


Trátase dunha actuación que se enmarca na xira de presentación do seu novo álbum “A primavera ten que ser nosa”, un traballo co que realizan unha homenaxe ao seu antigo batería e compañeiro Jaime Mateo. Este directo, que comezará ás 19.30, mesturará temas novos con outros xa coñecidos polos seguidores dun colectivo con 15 anos de traxectoria


Ana Ares, pregoeira

O ano pasado xa se escollera unha muller do concello de Neda para dar o pregón, que nesta edición será o domingo ás 13.00 horas, do evento por excelencia deste territorio, a Festa do Pan. Esta vez tocoulle a Ana Ares Pernas, vicerreitora do Campus de Ferrol e de Responsabilidade Social da UDC. Unha das personalidades máis relevantes do ámbito universitario galego, que é profesora titular do departamento de Física e Ciencias da Terra, será a pregoeira deste ano, despois da futbolista local Ale de Paz.


Esta profesional, que declarou estar “agradecida pola elección” e “moi ilusionada”, naceu e criouse na Mourela. De feito, a vicerreitora lembra a media ducia de fornos que había nos arredores da súa casa materna  cando era nena, así como ter participado no certame cando se facía en Albarón, coa xa desaparecida Panadería Luaces. A pregoeira ofrecerá a súa intervención unha vez iniciada a Festa do Pan, que se inaugurará ás 10.00 horas coa apertura dos postos de pan e artesanías. 

O Sonoro Maxín porá as últimas notas da Festa do Pan

Te puede interesar