A Xunta de Galicia amplía este mes a superficie pública do parque natural Fragas do Eume coa adquisición de seis parcelas, cunha superficie total de preto de cinco hectáreas.
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou onte a escritura de compravenda das que son as primeiras tres parcelas privadas que adquire o goberno galego. Estes terreos suman algo máis de dúas hectáreas e localízanse nos concellos de Cabanas e As Pontes de García Rodríguez. Nos vindeiros días formalizarase a adquisición das tres parcelas restantes, tal e como subliñan desde o departamento de Ángeles Vázquez, que se trasladou a Ferrol onte para transmitir a nova.
Logo de lembrar que este espazo natural conta xa cun Plan de uso e xestión, Vázquez explicou que o obxectivo da compra destes terreos é realizar actuacións de conservación e restauración “de zonas de máximo interese desde o punto de vista ecolóxico”, eliminando e retirando especies invasoras e mellorando a continuidade das masas de frondosas autóctonas.
A Xunta considera de vital importancia a realización de actuacións que persigan tanto incrementar a superficie pública de bosques e a súa recuperación como asegurar a conservación da natureza a través do mantemento dos procesos ecolóxicos, a preservación da biodiversidade dos ecosistemas e a aplicación de medidas que garantan a singularidade da paisaxe e a restauración de recursos naturais degradados.
Segundo destacan desde a Xunta de Galicia, este tipo de medidas “enmárcanse no compromiso do goberno galego de facer compatible a protección e preservación dos valores, hábitats e principais especies de flora e fauna que alberga este territorio cunha actividade económica sostible”.
Cabe precisar que o parque natural das Fragas do Eume se atopa nunha zona de marcada influencia oceánica entre o medio litoral do esteiro do Eume e as montañas nas que nace o devandito río. “Estas características explican por que é, a día de hoxe, unha das mostras máis importantes dos bosques sublitorais galegos e un dos poucos bosques atlánticos ben conservados que hai en Europa”, precisan desde a Xunta de Galicia.
Esta noticia, xunto co inicio das obras nos accesos ao parque natural desde Pontedeume, pouco ou nada ten que ver con outras demandas dos propietarios dos terrenos emplazados no parque das Fragas do Eume, que levan anos protagonizando manifestacións de protesta para demandar, primero un Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) axeitado e, segundo, que este inclúa tamén compensacións económicas polas limitacións que establece o documento nas súas propiedades.
Tamén piden que se lles ofreza un “prezo xusto” para a compra das terras en caso de que os seus donos así o decidan. Os veciños en cuestión teñen previsto levar as súas reivindicacións ante a Valedora do Pobo e tamén ante o Defensor del Pueblo, a fin de acadar apoios.