O porto de Redes volve homenaxear, e con fachenda, as súas orixes e tradicións mariñeiras cunha nova edición, a décimo sétima, da Festa da Cabria, organizada pola Agrupación Instrutiva de Caamouco para mañá.
O programa elaborado pola sociedade impulsora inclúe actividades de todo tipo, desde feira de artesanía a exhibicións en vivo, obradoiros didácticos e música, e para todos os públicos, aínda que con especial fincapé nas xeracións máis novas, como explica Dani García, presidente da asociación. Proba desta aposta é o taller de iniciación ao pendurado das redes na cabria que se desenvolverá na sede da propia entidade ás 11.00 horas de hoxe sábado. Maña é o día grande.
“Esta vez”, apunta, “reforzamos sobre todo o desfile infantil, que precede ao acto central (o pendurado das redes na cabria), afondando no protagonismo dos nenos e das nenas para que cada vez se vaian implicando máis nesta tradición”. Así, para mañá estableceuse como punto de encontro a Rúa do Medio, onde deberán presentarse os cativos e cativas entre as 12.15 e as 12.30 horas para marchar deseguido en dirección ao porto. “Alí, na saída, explicarémoslles en que consiste esta práctica e a tradición mariñeira de Redes e poderán tamén practicar e subir á cabria infantil que temos instalada”, sinala.
O movemento comezará antes. A partir das 11.00 horas abrirán os postos da feira de artesanía, que é posible, explica o presidente da Agrupación, grazas á colaboración da Asociación Camiño da Artesanía. Daquela principiarán as exhibicións de cestería e encaixe dos obradoiros da sociedade, impartidos polas mestras Luisa da Silva e Clara Leira. Nestas demostracións participará de novo a Asociación de Redeiras O Fieital de Malpica, que ofrecerá no Pedregal unha proba de cosido e arranxo de redes.
As gaitas de Trouleada e a degustación de polbo, a partir das 12.00 horas, darán paso ao acto central, previsto para a unha da tarde, co pendurado das redes do xeito na cabria por parte de dúas veciñas. A actuación do grupo Os Cantaberneiros, ás sete, porá o ramo á edición.
A Festa da Cabria está hoxe consolidada, con dezasete edicións ás costas, pero Dani García lembra que “os inicios foron difíciles” porque “había certo escepticismo, tanto entre os veciños como na Agrupación sobre que iso puidese interesar a alguén, que esa representación sen utilidade práctica nese momento puidese implicar os veciños e atraer turistas”. Con todo, a dúbida durou pouco. “Na primeira edición a xente xa se decatou de que do que se trataba era que a xente nova coñecese esa tradición”, sinala, “e os veciños que viviran esa realidade emocionábanse ao ver como se representaba”. Hoxe, todo o porto de Redes celebra con fachenda unha festa que medra e que o fai implicando as xeracións máis novas.