Un total de 55 carrilanas optan á vitoria na XXV Baixada a San Mamede

A proba valdoviñesa postúlase para acoller en 2026 o Campionato de Europa da disciplina
Un total de 55 carrilanas optan á vitoria na XXV Baixada a San Mamede
A presentación da cita tivo lugar este mediodía no consistorio I Concello de Valdoviño

Un total de 55 carrilanas –máis da metade da propia comarca– participarán esta fin de semana na Baixada a San Mamede, que este ano chega ás vinte e cinco edicións e que seguirá sendo puntuable non só para a Copa de España, senón tamén para a de Europa. O alcalde de Valdoviño, Alberto González; o edil de Deportes, Sergio Saavedra; o director de carreira, Diego Barcia; a delegada de Federación Española de Deportes de Inercia, Lara Bouza; e o vixente campión de España, Christian Marugán, presentaron este mediodía un evento que agarda a afluencia de centos de persoas.


O rexedor destacou a dobre vertente da Baixada –deportiva e cultural–, así como a súa incidencia na economía local. Confía en que este mesmo ano sexa declarada Festa de Interese Turístico de Galicia pola Xunta.


Durante a presentación incidiuse na seguridade e, nese sentido, o director da proba, Diego Barcia, recalcou o amplo dispositivo despregado, no que participan arredor de corenta persoas, ademais da colaboración dos corpos de seguridade e de Protección Civil.


A carreira de vehículos de inercia volverá saír do Graño e os participantes deberán cubrir no menor tempo posible os 1.207 metros de distancia ata San Mamede. As baixadas oficiais serán o sábado ás 18.00 horas a primeira e o domingo, a segunda e a terceira, a partir das catro e media. 

 

Diego Barcia: “Este ano decidimos ampliar as actividades infantís”

O director de carreira da Baixada, Diego Barcia, explica que este ano se decidiu darlle máis protagonismo aos nenos e nenas, alén da proba infantil, prevista para o domingo ás 12.00. Así, a véspera haberá “obradoiro de maquillaxe, karaoke e festa da escuma”, novidades dunha cita que, lembra, está moi consolidada “pola resposta da xente: son milleiros de persoas que se achegan aquí”. 


No tocante ao deportivo, Barcia subliña que o fundamental para a organización é a seguridade “de todos”, un factor que tamén contribuiría a que a Baixada a San Mamede fora seleccionada para acoller en 2026 o Campionato de Europa. “Saberémolo en outono”, adianta, “pero suporía un salto moi importante e traería a Valdoviño a máis de 180 participantes, co beneficioso que resultaría para o Concello e a comarca. Temos moitas esperanzas”. 

Un total de 55 carrilanas optan á vitoria na XXV Baixada a San Mamede

Te puede interesar