O pasamento dun dos símbolos da Comunidade, o médico, pintor, debuxante, escritor e político Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, cumpriu xusto este martes, 7 de xaneiro, 75 anos. Como conmemoración, os Concellos de Fene e San Sadurniño preparan unha programación para este 2025, que se inaugurou cos bandos dos seus alcaldes, Juventino José Trigo Rey e Secundino García Casal, respectivamente.
A este referente, nacido en Rianxo e finado en Bos Aires, réndeselle homenaxe debido á inmensidade do seu legado político e cultural, “que é preciso administrar e divulgar, facendo que os seus ideais se fagan realidade na Galiza de hoxe”, relata na publicación o rexedor fenés. Este texto tamén realiza un chamamento a que todas as entidades e a veciñanza “participen na programación arredor de Castelao contribuíndo así a popularizar a súa obra, dar a coñecer o seu pasamento e facer realidade os seus ideais”.
O primeiro acto simbólico do goberno municipal de San Sadurniño foi, do mesmo xeito que o anterior, a sinatura do bando. Aínda así, Secundino García tamén adiantou que o 75 aniversario da morte de Castelao celebrarase cunha serie de actividades que se programarán ao longo dos próximos meses, “tentando implicar ao tecido asociativo e á comunidade escolar”. Ademais, neste caso, a publicación comeza lembrando a data do 13 de outubro de 1935, na que o homenaxeado “e outros dirixentes nacionalistas cruzan terras de San Sadurniño para dar un mitin no campo da feira de Mera de Baixo, en Ortigueira”.