Sfhir recibe arroupado polos veciños de Fene o premio ao mellor mural de 2023

“A violonchelista de Fene” pintouse no número 64 da rúa da Fraga no Perla Mural Fest
Sfhir recibe arroupado polos veciños de Fene o premio ao mellor mural de 2023
Sfhir levanta o galardón concedido por Street Art Cities I D. Alexandre

A contorna do número 64 da rúa da Fraga congregou na tarde deste martes un nutrido grupo de veciños e veciñas de Fene que quixeron arroupar ao artista Sfhir no acto de entrega do premio ao mellor mural do mundo do ano pasado, un certame convocado pola plataforma Street Art Cities, cuxos representantes se desprazaron desde Bélxica para tal fin.


O pintor madrileño é o autor de “A violonchelista de Fene”, unha obra impresionante non só polas súas dimensións –é o traballo vertical máis grande que ten feito na súa xa longa traxectoria artística– senón porque utiliza a escaleira posterior a modo de mastro para crear un efecto visual moi potente no momento en que se alumea polas noites. 


Sfhir expresou a súa gratitude polo premio e pola presenza de tantos veciños e puxo en valor proxectos como o Perla Mural Fest –que o verán pasado celebrou a súa primeira edición– para a divulgación da arte urbana. 

Os organizadores do evento, Ramón Pereira e Fran Lage, así como a tenente de alcalde Sandra Permuy, sinalaron que esta obra é un “novo reclamo turístico” do concello e felicitaron ao autor por “ter sabido transformar unha gran parede nunha obra tan icónica que semella cobrar vida”. A concelleira ratificou ademais  o compromiso do Concello con este certame que na súa segunda edición se celebrará entre o 12 e o 18 de agosto. 


Permuy tamén se referiu aos organizadores do Street Art Cities polo seu “compromiso coa divulgación das expresións artísticas máis vangardistas” e fixo extensivo o agradecemento a todas as persoas que “cos seus votos conseguiron situar a Fene no mapa mundial da arte urbana” na fase decisiva do voto popular.


O galardón supón tamén un impulso para os organizadores do festival, que lembra que ademais xa ten á venda camisolas e bolsas conmemorativas coa imaxe do festival. 

Sfhir recibe arroupado polos veciños de Fene o premio ao mellor mural de 2023

Te puede interesar