Aberto o prazo do terceiro chamamento de matrícula nos graos da UDC

O Campus Industrial de Ferrol pechou o prazo de inscrición nesta convocatoria na formación en Podoloxía
Aberto o prazo do terceiro chamamento de matrícula nos graos da UDC
A cualificación obtida na ABAU xunto aos resultados do expediente marcan as notas mínimas para o acceso | JORGE MEIS

O último chamamento de matrícula aos graos e dobres graos nos centros do Sistema Universitario de Galicia –SUG–, na convocatoria ordinaria, inaugúrase hoxe e finalizará a última hora do luns. O Campus de Ferrol imparte preto dunha quincena destes títulos, dos que soamente catro permanecen coas listaxes abertas. Os interesados en matricularse nunha titulación poderán inscribirse no caso de que posúan unha cualificación igual ou superior á da última persoa convocada en cada unha.


Así pois, no Campus Industrial ferrolán existe unha ampla gama de notas de corte, que van dos cinco puntos, no caso dos graos en Relacións Laborais e Recursos Humanos, así como en Enxeñaría Naval e Oceánica, e os 11,175, no caso da formación simultánea en Enxeñaría Mecánica e Naval e Oceánica. Nesta convocatoria, descendeu a cifra do grao en Podoloxía, xa que no segundo chamamento, cando aínda dispoñía das listaxes abertas, partía dun 8’830, mentres que actualmente se posiciona nun mínimo de 8’090 puntos.


As titulacións que manteñen as súas listaxes abertas son as Enxeñarías Eléctrica e en Tecnoloxías Industriais, Relacións Laborais e Recursos Humanos, así como Xestión Dixital de Información e Documentación. Nestes catro casos, as cualificacións mínimas para anotarse non chegan á cualificación dun seis. Seguindo o calendario da Comisión Interuniversitaria de Galicia, os alumnos que sexan convocados a matrícula na súa titulación preferente, poderán formalizala durante todo este sábado e até o luns ás 23.59 horas.


No caso de que a persoa apareza convocada nunha titulación que non é a súa primeira opción, poderá agardar a matricularse en sucesivas convocatorias, en tanto non estea pechada a matrícula nas titulacións elexidas con maior preferencia. De ser así, a persoa solicitante deberá reconfirmar na plataforma NERTA que desexa continuar na “Listaxe de Agarda”. O alumnado pode permanecer en espera nas titulacións pechadas, posto que se poden producir anulacións. No caso de inscribirse nun grao de menor preferencia, cando as formacións máis desexadas aínda non se clausuraran, o estudante decae dos seus dereitos de continuar no proceso de ingreso nas máis favoritas. 

 

seguintes prazos do calendario de acceso

As sucesivas oportunidades para anotarse nos graos e dobres graos das universidades públicas galegas enmarcaranse xa na convocatoria ordinaria-extraordinaria. Desta maneira, o cuarto chamamento de matrícula está previsto que se realice na próxima semana, o mércores 24, de xeito que as vindeiras datas de matrícula serán entre o xoves 25 e o venres 26 deste mes. Asimesmo, actualmente hai dous períodos de preinscricións abertos. Un deles, até o luns 22 para as persoas que non solicitaron na fase ordinaria, e até o venres 26 para as tituladas en cursos anteriores ou no actual.

Aberto o prazo do terceiro chamamento de matrícula nos graos da UDC

Te puede interesar