O Servizo Galego de Saúde publica na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia a adxudicación da obra para a creación dunha ampla área de atención á saúde mental Infanto-xuvenil que implica, entro outras cuestións, a activación dun novo Hospital de Día Infanto-Xuvenil.
De xeito concreto, reformarase a ala 1 C, primeiro andar do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. As obras, que comezarán no vindeiro mes de xaneiro, foron adxudicadas por un importe total de 400.198,50 euros (IVE incluído).
Tal e como se recollía nos pregos desta contratación, esta obra acométese en dúas fases, e esta primeira fase correspóndese coa activación da Área de Saúde Mental Infanto-xuvenil e a xeración dun Hospital de Día para esta atención. Nunha segunda fase, irán as consultas.
Parte desta atención, a correspondente á Unidade de Saúde Mental Infanto-xuvenil, xa a están a desenvolver os e as profesionais da Área actualmente no terceiro andar do Hospital Naval do Complexo.
Esta obra de reforma implicará que medre considerablemente a atención á saúde mental dos máis novos, destinando máis de 800 metros cadrados ó proxecto, 540 para esta primeira fase e 273 na segunda.
Esta novidade que é a creación dun Hospital de Día, supón “a activación dun espazo seguro onde axudar os nenos e adolescentes cun elevado nivel de sufrimento afectivo e emocional, e que repercute de xeito grave no seu día a día”, explicaban dende o Servizo de Psiquiatría cando se publicou a resolución para a contratación desta obra.
No Hospital de día Infanto Xuvenil, desenvolvido ó abeiro do Plan Estratéxico de Saúde Mental 2020-2024, prestarán servizo un psiquiatra, un psicólogo clínico, unha enfermeira especialista en saúde mental e unha traballadora social. A Unidade de Saúde mental infanto-xuvenil creábase xa no ano 2008, no terceiro andar do Hospital Naval.
Esta unidade potencia a atención á Saúde Mental dos máis novos nun dispositivo específico dirixido á atención ambulatoria de pacientes menores de 16 anos que presenten trastorno mental de índole diversa, especialmente aquelas patoloxías caracterizadas pola complexidade da sintomatoloxía.
En termos xerais, este equipo ofrece unha atención ambulatoria e multidisciplinar en equipo ós pacientes que lle sexan remitidos fundamentalmente dende o nivel de atención primaria, moitas delas xa a través de teleconsulta, e, no seu caso, tamén dende outros niveis asistenciais. Atende, ademais, as consultas urxentes na Área ferrolá, e proporciona apoio e asesoramento ós servizos de atención primaria e a outros profesionais sanitarios. Realizáronse 4.572 consultas durante 2023
O acceso a esta Unidade realízase principalmente dende os Servizos de Atención Primaria e consultas de Pediatría, aínda que tamén acceden pacientes tanto dende outros servizos especializados. O perfil de usuario desta Unidade é un menor con dificultades emocionais, ou de comportamento, con problemas, entre outros, de desenvolvemento, alimentación ou escolares, tanto de socialización como de aprendizaxe, explican.
Con este novo dispositivo que se licita increméntase aínda máis a atención e a coordinación funcional dos diversos eidos implicados: a Unidade de Saúde Mental Infanto-Xuvenil; o Servizo de Psiquiatría; a área de Atención Pediátrica Ambulatoria, que engloba a Área de Consultas Externas de Pediatría, e a Unidade de Atención Temperá, actualmente emprazada no Hospital Novoa Santos; e, por último Aspaneps. A consecución desta obra permitirá un novo chanzo que é a creación do Hospital de Día, garantido así unha abordaxe multidisciplinar de cara á normalización dos problemas dos nenos.