Alberto Garnil | “A maioría das axencias galegas xa estamos traballando con Intelixencia Artificial”

Alberto Garnil | “A maioría das axencias galegas xa estamos traballando con Intelixencia Artificial”
Alberto Garnil, presidente do Clúster da Comunicación de Galicia I CEDIDA

O Clúster da Comunicación de Galicia entrega este venres, no Jofre, o seus premios Paraugas, galardóns que nesta oitava edición saen por primeira vez de Ourense e recalan en Ferrol. A gala estará presentada por Luis Fraga e María Lamela e contará con máis de 300 persoas chegadas de toda Galicia.

 

Por que se chaman Paraugas os premios do Clúster?
Vén por dúas cousas, primeiro porque o paraugas é un elemento moi típico de Galicia e era diferenciador; e porque como se facía en Ourense, terra de paraugueiros, tiña sentido.

 

E agora saltan a Ferrol.
Pensabamos que as administracións en Ourense non apoiaban suficientemente o evento. A gala foi collendo maior relevancia, estanse presentando as empresas e as axencias máis importantes de Galicia e cremos que ten a suficiente importancia como para que as administracións a tomen en serio. Falamos con José Manuel Rey e encantoulle a proposta. Vén de crear a concellería Marca Ferrol e pensamos que este evento pode axudar a visibilizala tanto en Galicia como fóra dela.

 

Hai 55 finalistas en 19 galardóns repartidos en sete categorías. Enténdese a comunicación nun sentido amplo.
O clúster en Galicia tivo dúas etapas, unha na que foi clúster do produto gráfico e do libro en galego, que como tal estaba composto polas imprentas, polas editoras, que tiveron unha crise moi grande e moitas delas desapareceron. Fai sete ou oito anos aproximadamente déuselle outro tratamento e empezamos a traballar na cadea de valor. Hoxe en día non existen moitas asociacións parecidas porque aquí traballamos as imprentas que xa estaban, deseñadores, a asociación Creatividade Galega, Dircom (que son os directores de comunicación), Markea (os directores de márketing de Galicia)... Con estas categorías (Impresión, Deseño, Creatividade, Márketing, Comunicación, Eventos e Novos Talentos) queremos dar voz a cada un destes colectivos que están nunha casa común que é o Cluster da Comunicación, ademais dos dous premios honoríficos que recaen sobre Rosa Vilas e sobre Luis Bassat.

 

“Luis Bassat é un dos mellores publicistas do século XX en España; Rosa Vilas é pioneira por ser a primeira muller directora da Radio Televisión de Galicia”

 

Por que esta elección?
Luis Bassat porque é un dos mellores ou o mellor publicista do século XX en España. É unha persoa recoñecida no mundo publicitario e, aínda que ten 82 anos, segue algo en activo, no consello de Bassat Ogilvy. En Galicia non só recoñecemos o traballo dos publicistas galegos, senón tamén de persoas que teñen relevancia en España no ámbito da publicidade. E Rosa Vilas pola súa traxectoria como xornalista. Ela é unha pioneira por ser a primeira muller directora da Radio Televisión de Galicia e parécenos un referente.

 

Ten Ferrol presenza no Clúster?
Queremos que sexa importante. As asociacións ás veces temos a obriga de traballar en poboacións menos evidentes, porque o fácil é levar os premios a Santiago ou A Coruña. Ferrol é unha das olvidadas de Galicia e é unha cidade que ten moito máis que ofrecer. Pensamos que merece que fagamos isto aquí, podemos axudarlle a mellorar a súa imaxe e tamén buscamos que máis empresas do noso sector coñezan o clúster e se asocien.

 

A comunicación está en cambio permanente. Xorden novas canles nas que colocar as mensaxes. 
Agora estamos suxeitos a moitos máis impactos diarios de publicidade. Iso ten unha parte boa e unha mala. Hai publicidade moito máis mala porque se traballa con moitísimo menos tempo. A televisión xa non está ás veces na primeira opción das campañas. Moitas das mellores campañas que se fan en Nadal, por exemplo, coñecémolas porque nolas envían por Whatsapp, porque as vimos en Facebook ou Instagram. O que se busca é epatar coa mensaxe para que axude á viralización, que é un elemento no que se traballa moito para que teña impacto na sociedade.

 

Cara a onde imos?
Hai dúas cousas que teñen que estar na mesa dos publicistas de cara aos próximos anos. Unha delas é a publicidade transformadora. O impacto social positivo é algo no que, aínda que se estaba traballando desde hai anos, viviu un despegue. Coas mensaxes que lanzamos podemos axudar a mellorar a sociedade, por exemplo en campañas que teñen que ver co bullying, coa igualdade de xénero... As marcas teñen a capacidade de influír nos hábitos de consumo, en como nos relacionamos, e os publicistas non podemos mirar para outro lado. Hai tempo falaba de que só o 19% das persoas que ven anuncios se ven reflectidas na publicidade. Quédanos unha ampla marxe para traballar.  Outro dos retos que temos na publicidade é como vamos afrontar o impacto da intelixencia artificial, que vai ser un cambio brutal. A maioría das axencias xa estamos traballando con ela e temos campañas en Galicia feitas con intelixencia artificial. Nas gráficas podes adiantar moito tempo e facelas máis complexas, na redacción publicitaria, creación de textos para blog, na tradución... Temos que adoptar rapidamente as medidas porque xa están impactando no noso sector.

Alberto Garnil | “A maioría das axencias galegas xa estamos traballando con Intelixencia Artificial”

Te puede interesar