Almudena Marcos: “O obxectivo do humor gráfico non é divertir, senón facer reflexionar divertindo”

É a responsable do Museo do Humor, que cumpre corenta anos
Almudena Marcos: “O obxectivo do humor gráfico non é divertir, senón facer reflexionar divertindo”
Haberá tres exposicións ao longo deste ano I Jorge Meis

As circunstancias levaron no seu momento a Almudena Marcos –Ferrol, 1977– a asumir a responsabilidade do Museo do Humor Xaquín Marín, un centro único que este 2024, con ela á fronte, cumpre catro décadas de vida.

 

Custoulle tomar a decisión de pórse á fronte do Museo do Humor? 
Foron as circunstancias as que me trouxeron ata aquí. Eu comecei no Concello a traballar como xornalista en Radio Fene, onde estiven nove anos facendo un magazine. En 2008 propuxéronme un cambio. Xaquín Marín xa se xubilara e ofrecéronme cambiarme ao departamento de Cultura. Gustoume porque, ademais de pasar a ocuparme do Museo do Humor, ía seguir desenvolvendo tamén tarefas de comunicación, porque o meu cometido como responsable do museo non é só atendelo: levo comunicación en Cultura e colaboro con outra compañeira na sección da web e das redes sociais do Concello. Era un campo ao que quería seguir vinculada e poder ocuparme do Museo me pareceu un proxecto fantástico que aceptei.

 

Como foi a aterrizaxe nunha entidade tan especial? 
Foi un reto porque era un mundo que eu descoñecía. Non estaba especialmente vinculada ao campo do humor gráfico. Eu asistía ás xornadas do humor, actos de cesión de caricaturas... Era un mundo que me gustaba, pero descoñecíao. Pouco a pouco vaste metendo nel. Axudoume moito –aínda agora– a presenza de Xaquín Marín por detrás. El segue colaborando, chámoo moito, e telo tan preto é moi importante para min... E para o museo.

 

O museo cumpre 40 anos. Con que idea enfoca esta etapa? 
O espírito non cambia, é o de sempre, o espírito co que naceu o museo. Por un lado, dignificar o humor gráfico, que a xente coñeza ese xénero, e, polo outro, amosar ao mundo o que fan os nosos humoristas gráficos e amosar aquí o que se fai noutras partes. Houbo uns anos nos que a convocatoria dos Premios Curuxa se interrompera e cando asumín a responsabilidade quixemos recuperala. Era moi importante facelo. O concurso é a nosa fonte de vida e de futuro: se non queremos ser un museo estático, temos que seguir renovándonos e promovendo as novas xeracións de humoristas gráficos. Para iso temos que dotarnos de obra e seguir en contacto con eles, e a convocatoria do concurso é a maneira de facelo. Este é un museo modesto, que non ten grandes recursos e non podes estar mercando obra sistematicamente. A convocatoria do concurso alenta esas creacións e mesmo alenta a participación de xente que non se dedica a facer humor gráfico. Hai que lembrar que houbo gañadores dos Curuxa que viñan do mundo da arquitectura ou do deseño gráfico, pero a raíz de que coñeceron o concurso probaron co humor. Entón esa é a maneira de seguir en contacto con toda esa xente, coas novas xeracións, e seguir dotándonos de obra porque unha das cuestións que se estipulan nas bases é que as obras gañadoras quedan en depósito e os autores e autoras que se presentan poden solicitar a devolución, pero, se non o fan, quedamos coa obra...

 

Nestes momentos, que fondos ten o museo? 
Agora mesmo en exposición hai entre 300 e 350 debuxos, pero temos un arquivo de 4.000.

 

Este ano teremos tres exposicións de produción propia: os premios e o Olimpo da Caricatura, con 15 autores

 

Con respecto ao 40ª aniversario, teñen previsto algunha programación especial?
Este ano é moi especial e vai haber tres exposicións de produción propia. Dunha banda, a dos Premios Curuxa, que se fallan en xuño. A exposición das obras será en novembro. Ademais, contra o verán tamén teremos unha mostra coas obras premiadas no concurso de banda deseñada Demo Pequeno (de 8 a 16 anos), que vai pola segunda edición e na que colabora a editorial Demo. E, en setembro ou outubro, teremos unha na que está especialmente implicado Xaquín Marín: o Olimpo da Caricatura, de carácter internacional e na que confluirán 15 grandes autores de todo o mundo.

 

Como definiría o nivel do humor gráfico actual? 
Non son experta en humor gráfico, aínda que levo uns cantos anos como responsable, e sigo aprendendo. O certo é que non hai moita xente que se dedique a isto porque, polo menos na prensa escrita, vai desaparecendo ou sendo relegado a espazos como, por exemplo, as páxinas de pasatempos. A finalidade do humor gráfico non é só divertir, senón facer pensar, facer reflexionar divertindo. Ten que ter estes dous compoñentes. Non hai moita xente que se dedique a este campo, pero a que o fai é moi boa, hai moitísimo nivel. E penso que o noso labor é aportar ese pequeno gran de area para atraer xente nova ou que, polo menos, probe, aínda que logo non se poida dedicar profesionalmente ao humor gráfico, porque diso hai moi pouco.

 

Os veciños de Ferrolterra son conscientes da importancia de ter aquí un museo único coma este?
Ben, é que a nós tamén nos pasa cando viaxamos a outras cidades e facemos turismo. Das primeiras cousas que visitas son os museos, pero os que tes preto non... Non se coñece nin se valora todo o que debera, pero tamén é certo que presenza en redes nos axuda moito porque nos permite difundir todo o traballo que se está a facer aquí. 

Almudena Marcos: “O obxectivo do humor gráfico non é divertir, senón facer reflexionar divertindo”

Te puede interesar