A nova vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC, Ana Ares Pernas –Neda, 1975–, coñece perfectamente as necesidades e os retos da comunidade universitaria. Desde 2021 e até a pasada semana foi directora do Campus Industrial, traballando man a man coa súa predecesora, María Jesús Movilla.
Pódese dicir que o seu nomeamento é un proceso lóxico...
Tiven a sorte estes dous últimos anos de estar traballando no equipo da anterior vicerreitora, María Jesús Movilla, na dirección do Campus Industrial de Ferrol e, polo tanto, trátase de continuar ese traballo e afrontar novos retos que ten o Vicerreitorado e que non tiña cando estaba na dirección do Campus Industrial. Pero, ao final, eramos un equipo que traballaba xunto e iso facilítame a chegada.
De feito, na reacreditación da especialización do Campus Industrial que se aprobou en decembro fálase como un valor moi positivo a sintonía coa Vicerreitoría.
A verdade é que fomos un equipo que traballou moi ben, tamén coa vicexerenta do Campus, María Jesús Caínzos, para acadar esa reacreditación. O apoio da Vicerreitoría foi fundamental a nivel institucional porque hai moitos eidos no Campus Industrial, como poden ser a internacionalización, a docencia ou a transferencia, que son proxectos de universidade e, polo tanto, cómpre que se traballe en conxunto.
Nestes seis anos de mandato, cales son os obxectivos prioritarios?
O primeiro –xa é algo que está iniciado– é a construción do edificio de investigación e innovación na industria, o EI3, porque vai dotar ao Campus de máis espazo, de infraestruturas onde instalar os laboratorios do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais –Citeni–. O edificio vai permitir desconxestionar o Campus e tamén ter máis sitio de aparcamento –ten dúas plantas subterráneas–, que é importante para a zona. Queremos tamén impulsar o noso centro de investigación para que siga a ser un referente no sector naval, con proxectos tan interesantes como o Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia (CEMI).
En canto á oferta de titulacións haberá novidades?
Agora mesmo estamos nun proceso de revisión crítica das titulacións, sobre todo na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EFEF), un proceso de revisión que se está a facer en todo o Sistema Universitario Galego para, aquí en concreto, adaptar esas titulacións ás necesidades da industria. Queremos facer unha forte aposta polos graos duais (xa temos un), pois cremos que é un modo de atender as demandas da industria. Tamén estamos traballando na creación de novos títulos, como o máster en Tecnoloxías Téxtiles e Moda Sostible, que sería un modo de dar cabida tanto ao Grao en Xestión Industrial da Moda como ao alumnado das enxeñarías que estivese interesado no sector ou, incluso, da Escola Universitaria de Deseño Industrial. É importante, e este é un proxecto a nivel do equipo reitoral, a mellora das comunicacións, do transporte público para o alumnado, tanto entre campus como na propia comarca. Temos que traballar coas institucións para poder melloralo e tratar de incrementar o número de prazas de residencia, é dicir, ter algunha outra opción de residencia universitaria.
O máster implantaríase xa o curso que vén?
Si, está agora mesmo en proceso de revisión. Esperamos que se poda pór en marcha o curso que vén.
Sería a única novidade no referido ás titulacións de cara ao curso que vén?
Si, pero pode ser que se cree algún grao novo ou que se adapten as titulacións que hai agora ás necesidades da industria. Xa fixemos algún encontro coa empresa, desde a dirección da EPEF, para coñecer as súas demandas, e tamén desde o Campus Industrial fíxose un estudo das necesidades formativas para os futuros profesionais, en colaboración con 60 empresas tanto da contorna como a nivel galego.
Con respecto á residencia, ten pensado nalgunha localización?
Non, estamos comezando a traballar porque é algo que tamén nos gustaría abordar na Coruña, que tamén ten necesidade de prazas de residencia. É algo a tratar por parte do equipo de goberno.
A relación co mundo empresarial como valor figura na reacreaditación da especialización do Campus. É o camiño?
Si, porque para nós é moi importante. Primeiro, somos especializado precisamente pola nosa relación coa industria, pero a nivel docente non tería sentido ter titulacións que non servisen para dar resposta ás necesidades da empresa. É certo que hai unha serie de titulacións máis clásicas e van seguir existindo porque cremos que ten que haber formación en todos os eidos, pero ten que haber titulacións moi enfocadas ás necesidades que a empresa ten. Toas as semanas recibimos dúas ou tres ofertas de emprego para enxeñaría e non podemos pechar os ollos e non dar resposta a esas demandas. O mesmo acontece na investigación. Agora que estamos nun momento de desenvolvemento da Intelixencia Artificial, da dixitalización ou do xemelgo dixital temos que ofrecer esa formación. As universidades van agora moito cara ás microcredenciais, é dicir, cursos de formación máis específica dirixida non só ás novas xeracións senón a pór ao día aos profesionais que están a traballar na industria, é dicir, no que se necesite en cada momento, o que se chama aprendizaxe ao longo da vida (Lifelong Learning). A univerisdade ten que traballar nese sentido: hoxe os profesionais teñen que estar actualizándose continuamente.
A pasada semana anunciáronse tres novas investigadoras predou-torais. Teñen fixado un obxectivo no campo da investigación?
No proceso de reacreditación do Campus Industrial déuselle moito valor á captación de talento en predoc y en postdoc, pero nós agora temos unha responsabilidade que non é só nosa, senón tamén política, que é a retención de talento: que este talento que temos aquí non se nos vaia. Unha das cousas que se destacan na reacreditación é a necesidade de traballar nesa liña e de incorporar novo persoal docente e investigador a estas novas titulacións que estamos creando no Campus. Pero non é só a nivel de universidade, porque necesitamos o financiamento e temos que traballar coas administracións, coa Xunta, para estabilizar ese persoal que, ademais, é brillante, porque estamos a facer un proceso de selección importante de persoas que traballan nos eidos estratéxicos da robótica, enxeñaría naval e offshore, materiais ou xestión de procesos industriais.
Está preocupada porque haxa graos e titulacións que cada ano quedan sen completar as prazas?
Si, e estamos facendo un labor de promoción importante das titulacións, facendo fincapé naquelas nas que a taxa de matrícula é máis pequena. Nese sentido, desde o Campus Industrial estase asistindo a feiras, tamén a través de campamentos de verán para nenos e nenas (sobre todo nenas, que necesitamos incrementar nas enxeñarías o número de nenas). Agora mesmo estudar enxeñaría é un acerto porque hai traballo para os próximos anos non só en Navantia, senón tamén na empresa auxiliar. Desde o Campus Industrial temos que promocionar esas titulacións e, despois, poñelas ao día. Por iso estamos a facer esa revisión crítica das titulacións e ver en que puntos podemos fortalecelas para que sexan máis atractivas.
Vai botar de menos a actividade docente e investigadora?
Desde pequena sempre quixen ser docente. Tanto a docencia como a investigación permítenche estar coa xente nova e ao día. É importante estudar continuamente. Penso que teño o mellor traballo do mundo. Dentro de seis anos, a docencia e investigación estarán esperando. Con todo, sigo a ter unhas horas de clase que vou dedicar fundamentalmente á parte social. Teño proxectos de Aprendizaxe e Servizo nos que traballo con persoas con necesidades especiais e persoas en risco de exclusión social na Escola Universitaria de Deseño Industrial e continuarei no Grupo de Polímeros. Non vou ter tanto tempo para estar no laboratorio, pero xa non o tiña cando estaba na dirección do Campus Industrial. De todos os xeitos, iso vaime estar esperando dentro de seis anos; agora afronto unha nova etapa con moita ilusión.
Que importancia tivo na súa traxectoria o feito de ter traballado antes na empresa privada?
Foi moi importante, primeiro, no meu propio grupo de investigación porque esa formación en calidade que tiven na empresa foime moi útil. Despois, os tempos son moi diferentes na industria e na universidade e iso, a nivel investigador e de transferencia, axudoume moito porque entendín cales eran as necesidades de resposta da industria e a conexión entre a universidade e a empresa, que é fundamental.