Ángel Facio Villanueva presentado como novo xerente da área sanitaria de Compostela

Fernanda López Crecente será presentada mañá como nova responsable de Ferrol
Ángel Facio Villanueva presentado como novo xerente da área sanitaria de Compostela
Un intre da presentación de Ángel Facio como novo xerente da área de Santiago e Barbanza

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presidiu esta mañá o acto de presentación do novo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Angel Facio Villanueva, ata o de agora máximo responsable da área de Ferrol, un acto no que apostou por acadar unha interacción real entre a atención primaria e a hospitalaria, co obxectivo de optimizar os recursos dos que dispón o sistema sanitario público galego.


Na súa intervención, Gómez Caamaño subliñou que a Sanidade pública encara neste momento o difícil reto de transformarse para atender as novas necesidades, tanto as dos seus pacientes, como as dos seus traballadores. “É necesario estar sempre á disposición dos pacientes, dos profesionais e de todos os colectivos”, salientou o responsable da sanidade galega.


Respecto do novo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Caamaño precisou que o novo cargo que asume Facio Villanueva “é un grande desafío”, incidindo en que é coñecedor da súa aptitude, das gañas e das capacidades que posúe o ata de agora xerente da área sanitaria de Ferrol.


Entre outros obxectivos, o conselleiro trasladoulle ao novo xerente da área de Santiago-Barbanza que se deben sumar esforzos para acadar unha maior coordinación entre a atención primaria e a hospitalaria; potenciar os eidos da investigación e a innovación; e impulsar os cambios organizativos necesarios para optimizar os servizos asistenciais que se lle presta a poboación galega.


Pola súa banda, Ángel Facio agradeceu a confianza depositada na súa persoa para dirixir unha área sanitaria que conta con preto de 450.000 pacientes -pertencentes a 46 concellos diferentes-, máis de 70 centros de saúde, 18 PAC, e case 6.000 traballadores. Así, e tras 12 anos á fronte da área sanitaria de Ferrol apuntou que recolle as encomendas do conselleiro de Sanidade con vontade, palabra e traballo.


Durante o acto, Caamaño tamén tivo palabras de recoñecemento para Eloína Núñez quen durante os últimos sete anos dirixiu a área sanitaria compostelá, e quen co seu esforzo e traballou contribuíu ao progreso dun dos buques insignias da sanidade galega.


Entre outras personalidades asistiron á presentación do novo xerente da área sanitaria compostelá, a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada Jorgal; a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares; o director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Alfredo Silva Tojo; decanos e representantes universitarios; presidentes e representantes dos colexios profesionais, así como xefes de servizo, supervisores e xunta de persoal da área sanitaria de Santiago e Barbanza.

 

O conselleiro tamén estivo presente na presentación do novo responsable da área sanitaria de Ourense e mañá fará o propio en Ferrol, na presentación de Fernanda López Crecente, como nova xerente desta área.

 

Ángel Facio Villanueva presentado como novo xerente da área sanitaria de Compostela

Te puede interesar