A actividade cultural e de lecer en Ferrolterra atópase inmersa nos programas de Nadal, que dan continuidade a unha tradición de nivel internacional e, como tal, esta celébrase de moi diversos xeitos segundo preferencias ou costumes. Nalgúns concellos como Ferrol, Mugardos ou Narón, deixaranse ver as dúas figuras populares destas datas previas ao aninovo, o Apalpador e Papá Noel, mentres que noutros elíxese so un ou ningún, limitándose a convidar aos Reis Magos.
O espazo Nadalia, no Cantón, alberga até o martes o fogar de Papá Noel, que está aberto a recibir visitas con cita previa, aínda que tamén realiza as súas saídas como a que fixo onte á SRYD Canido e a ruada que ofrecerá, o día 24 a partir das 12.00, en Caranza. Ademais, o municipio ferrolán é un dos que tamén recupera ao Apalpador, que o luns percorrerá o barrio da Magdalena, comezando ás 17.00 na Travesía de Batallons e rematando en Armas.
No caso do concello de Ares, Papá Noel ten prevista a súa cabalgata o martes, que partirá máis cedo do habitual, ás 16.00 da praza do Pedregal de Redes. Este protagonista rematará a ruta na Alianza Aresana, onde comezará a recibir aos pequenos ás 18.15.
En Cedeira, o vello lapón comezará a ruta co seu trineo ás 18.00 horas no centro de saúde para finalizar recollendo as cartas no auditorio municipal.
Por outro lado, en Mugardos poderase ver tanto a Papá Noel, o luns ás 17.30 no Casino Mugardés, como ao Apalpador, o martes a partir das 18.30. Este último realizará un pequeno percorrido pola rúa principal cara o mercado, con fachos de cera e acompañado de música tradicional galega. Ao remate, a Semente de Trasancos ofrecerá obradoiros e chocolate quente con bolos.
Do mesmo xeito, Papá Noel chegará mañá ás 17.15 horas á praza de Galicia de Narón en moto, no marco da XIV Xornada Moteira Solidaria. Ademais, tanto o domingo coma o luns, entre as 18.00 e as 21.00, permanecerá na praza de eventos do Odeón. O xoves será a quenda da ruada do Apalpador, que terá lugar ás 18.00 no Alto do Castiñeiro, unha actividade gratuíta e aberta á participación con previa reserva no correo a.pita@naron.gal.
A cabalgata de Papá Noel en Neda arrincará ás 10.00 horas da rúa Valle Inclán até chegar á Curros Enriquez, onde descansará da travesía para continuar arredor das 15.00 na Toeleira e rematará na Mourela do Medio. Despois, sobre as 17.30, “o barbudo” recibirá as visitas dos interesados na Casa das Palmeiras.
Así mesmo, o martes a partir das 18.00 horas, os xardíns da Casa da Cultura de Pontedeume recibirán a visita de Papá Noel na Aldeíña de Nadal, onde tamén poderán achegarse os máis pequenos a coñecelo.
Aínda que hoxe xa anda de ruta pola escola infantil A Rolada e o Centro de Día, o Apalpador será o protagonista en San Sadurniño, onde chegará mañá ás 18.00 horas, co tradicional tizón do Nadal, que se acendía para atraer a boa sorte e alonxar o mal. Será na praza onde entregará agasallos aos pequenos e na Casa da Cultura, entre as 19.00 e as 21.00, realizarase un obradoiro de chapas e outros instrumentos para as panxoliñas.
Outro dos concellos que recibirá ao Pandigueiro é o de Valdoviño, que antes preparará o ambiente co concerto “O poder da superlingua”, da Gramola Gominola, gañador do premio Martín Códax en 2018 ao mellor grupo de música infantil. Ao remate, inaugurarase na Porta do Sol a Casiña do Apalpador, nun espazo que se reacondicionou para converter a oficina de turismo nun refuxio temporal. Os días 23, 26, 27 e 30 deste mes, así como o 2 e 3 de xaneiro, de 17.00 a 18.00 recibirá as visitas dos nenos, que lle poderán entregar as cartas que teñan para Papá Noel e os Reis Magos para que se ocupe da entrega.