A Área Sanitaria de Ferrol incorpora un cuarto equipo de Hospitalización a Domicilio (HADO)

Esta mellora supón ampliar o radio de acción deste dispositivo asistencial ós Concellos de A Capela, San Sadurniño, As Pontes e Valdoviño; o que, sumado ós anteriores, implica abranguer así xa o 87% da poboación da Área Sanitaria de Ferrol
A Área Sanitaria de Ferrol incorpora un cuarto equipo de Hospitalización a Domicilio (HADO)
O equipo de HADO na Area Sanitaria Ferrol

A atención sanitaria máis achegada ós pacientes da Área Sanitaria de Ferrol volve incrementarse coa incorporación no pasado mes de xaneiro dun cuarto equipo para a Hospitalización a Domicilio (HADO), unha facultativa e dúas enfermeiras. Con esta nova incorporación son un total de 4 facultativos e 9 profesionais de Enfermaría os que se ocupan desta alternativa asistencial caracterizada por proporcionar coidados de intensidade ou complexidade equiparable ós dispensados no hospital, pero no propio domicilio do paciente.

 

Isto supón ampliar o radio de acción deste dispositivo asistencial ós Concellos de A Capela, San Sadurniño, As Pontes e Valdoviño, que, sumado ós anteriores, implica abranguer así xa o 87% da poboación da Área Sanitaria de Ferrol, cunha atención sanitaria de mañá e tarde. A Hospitalización a Domicilio comezaba no ano 2000 nesta Área sanitaria ferrolá; en novembro de 2018, incorporábase un segundo equipo; en maio do 2022, un terceiro; e, no mes de xaneiro, increméntase a atención con este cuarto equipo de atención.

 

 

 

HADO, atención no domicilio

 

A Hospitalización a Domicilio (HADO) é unha alternativa asistencial caracterizada por proporcionar coidados de intensidade ou complexidade equiparable ós dispensados no hospital, pero no propio domicilio do paciente. Depende estruturalmente do centro hospitalario; é prestada por profesionais especializados; e engloba diversos esquemas asistenciais en función do obxectivo, o estado evolutivo do paciente atendido, e as características e duración dos coidados. 

 

O período do tempo no que se dispensan estes coidados é limitado, e diríxese a pacientes que, de non existir esta alternativa, terían que estar no centro hospitalario.

 

Segundo indican dende este dispositivo, os obxectivos son conseguir que a asistencia sexa máis humanizada e integral, os autocoidados e a independencia socio-familiar; contribuír á coordinación entre a atención hospitalaria e a atención primaria; mellorar o aproveitamento dos recursos hospitalarios; colaborar con atención primaria na educación para a saúde no propio domicilio do paciente, e tamén, nun proceso integrado con outros niveis asistenciais na atención das persoas con enfermidade crónica avanzada ou paliativa.

 

 

Perfil do paciente

 

O perfil de paciente é, polo tanto, aquel con enfermidade crónica avanzada oncolóxica ou paliativa, con media ou alta complexidade dentro dun modelo de atención integrada; paciente con descompensacións agudas de enfermidades crónicas (Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica EPOC, ou insuficiencias cardíacas e renais, entre outras); e, tamén, paciente con enfermidades infecciosas agudas que requiran completar tratamento endovenoso e controis evolutivos.

 

Polo tanto, en HADO realízase -entre outras moitas funcións e ó igual que no propio centro hospitalario- a valoración do paciente, cambio de tratamento, extraccións, curas, ou toma de mostras. Os pacientes poden proceder de diferentes servizos tanto do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol como dos centros de saúde da área sanitaria.

 

A Unidade de Hospitalización a Domicilio ten a súa sede no Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Con este incremento de profesionais, aumentaron tamén os recursos físicos, como os automóbiles e os dispositivos electrónicos necesarios, xa que o traballo asistencial dos profesionais sanitarios de HADO realízase mediante a dispoñibilidade de vehículos propios, claramente identificados, que permiten atender diariamente aos pacientes nos seus domicilios. Neste senso, recordar que, no ano 2009, esta Unidade de Hospitalización a Domicilio era das primeiras en eliminar o papel nas visitas contando con dispositivos electrónicos propios para seguimento dos pacientes. Ese mesmo ano, facilitábanselle tamén tablets para un seguimento máis cómodo do paciente no domicilio.

 

A Unidade de Hospitalización a Domicilio realizou un total de 3.826 visitas entre facultativo e Enfermería, no pasado ano 2024. Aténdense anualmente ó redor de 300 pacientes de xeito personalizado no seu domicilio.


 

A Área Sanitaria de Ferrol incorpora un cuarto equipo de Hospitalización a Domicilio (HADO)

Te puede interesar