O patrulleiro de altura da Armada “Arnomendi” regresou este venres á súa base na Estación Naval da Graña tras rematar a súa participación nas campañas de vixiancia e inspección de pesca “Caladero Nacional Cantábrico e Noroeste” e “Costeira do Bonito”, que se levaron adiante na Zona Económica Exclusiva española no Noroeste peninsular e no Cantábrico.
O navío embarcou por primeira vez, en Vigo, un sistema aéreo non tripulado co obxectivo de apoiar a inspección na loita contra a pesca ilegal durante a campaña do bonito. Foi tamén a estrea destes sistemas en toda a Armada para levar a cabo estas tarefas. Fixo un total de 32 horas e 55 minutos de voo.
No despregue, de 41 días, o “Arnomendi” contou coa participación de tres inspectores da Secretaría Xeral de Pesca. Realizou 48 inspeccións e 50 avistamentos cos que puido verificar o cumprimento da normativa en canto a capturas, artes de pesca, zonas e periodos de veda da frota dedicada á pesca da pescada, xarda, bocarte e bonito.