Por unha desas belas contradicións que nos ofrece a vida e a historia, Jenaro Pérez Villamil naceu en Ferrol. O que boa parte da crítica considera o mellor pintor romántico de paisaxes en España veu ao mundo, case por casualidade, na cidade da Ilustración.
O paradoxo é que cando a “tableta de chocolate” viviu os primeiros pasos do artista, no comezo do século XIX, producíase xa unha violenta batalla cultural entre o Neoclasicismo, movemento propio do pensamento ilustrado, e o Romanticismo. “O soño da razón produce monstros”, deixou escrito Goya nun célebre gravado, e é que ese marabilloso movemento que deixaba atrás o mito e entregaba a confianza nun mundo mellor á intelixencia humana acabou da peor forma posible.
Os centos de miles de mortos das “guerras napoleónicas” significaron a derrota militar e moral dese novo ideal e, ademais, implicaron a restauración do absolutismo monárquico e dos vellos poderes. Aínda que a moitos e a moitas lles gusta tratar de distanciar a arte da política e a propaganda, mentres colgan nas redes as súas imaxes de magníficas exposicións de fotógrafos impulsadas por algún xigante téxtil, o certo é que o mundo da creación responde sempre ao pulso da súa época. Se o cerebro fallou imos responder co corazón.
O Romanticismo caracterízase pola exaltación brutal dos sentimentos, o gusto pola diferenza, o exótico, o misterioso, o inabarcable da natureza, mesmo pola violencia e o ser humano levado a situacións límites. Nesta festa do individualismo é normal que tamén entraran con forza os nacionalismos xeográficos e, aínda que o movemento romántico é global e se desenvolve en todas as disciplinas artísticas, adáptase na forma ás diferentes localizacións.
Nas artes plásticas –e mentres no noso Estado o referido Goya vai por libre convertendo o seu percorrido nun camiño pictórico que transcorre por todos os estilos citados e desemboca en formas con case un século de adianto ao seu tempo– adoitan distinguirse tres grandes escolas: a francesa, a alemá e a inglesa. O noso paisano, Villamil, logo dun atarefado periplo vital, coñece en Sevilla, en 1833, da man do pintor escocés David Roberts o modelo británico e abrázao con devoción.
A obra de Jenaro céntrase na paisaxe, real ou inventada, e transita na procura do “sublime”, unha beleza de tal impacto que tumba calquera intento de racionalizar tal sensación. Estuda os factores atmosféricos na súa obra tal como facían Turner ou Constable. Coma eles, e malia que realizaba as súas grandes obras no estudo, saíu debuxar e realizar acuarelas e augadas ao aire libre. É posible que non alcanzara a liberdade plástica do amentado Turner, mais eu coñezo apuntamentos de mariñas que non andan moi lonxe do gran mestre.
Villamil sentiu especial predilección polas grandes construcións que as distintas culturas ían deixando na nosa xeografía e, nun tempo en que non existía nin a fotografía nin por suposto os documentais da televisión, tivo un enorme éxito coa súa “España artística y monumental”. Tratábase dun conxunto de litografías publicadas en tres volumes na capital francesa entre os anos 1842 e 1850, onde retrataba boa parte das xoias da nosa arquitectura histórica. Como o ferrolán era moi viaxeiro intentou facer algo semellante en Bélxica, mais fracasou, ao parecer, por un problema económico. Mágoa.
Jenaro Pérez Villamil aparece en tres ocasiones nos “Episodios nacionales” doutro Pérez, Galdós. Implicouse en política, algo nada estraño nos artistas do momento –xa ven vostedes– de tal xeito que tomou as armas defendendo as ideas liberais, sufriu confinamentos e exilios, e foi axente activo dos seus ideais por Europa. Coñeceu e fixo amizade con boa parte dos intelectuais do momento e tivo en vida recoñecementos e premios en todo o continente.
Cando o máis importante dos artistas nacidos na nosa cidade faleceu en Madrid en 1854 tamén o seu estilo, o romántico, comezaba a perder forza fronte o Realismo e o Naturalismo que desde Francia pretendían dar altavoz cultural ao desastre social que supuxo nun primeiro momento a Revolución Industrial. E é que non se pode morrer de amor cando literalmente o fas de fame.