Eu teño un Sotomayor en casa. Para ser sincero, o cadro é moito máis da miña compañeira que meu, sobre todo emocionalmente, xa que se trata dun retrato da súa avoa. O lenzo, que ten unha fermosa mais triste historia familiar, encerra, de fondo, unha realidade social moi dura.
Para explicar ámbolos dous aspectos comezarei dicindo que se trataba dunha muller realmente fermosa, unha beleza, tanto nesta imaxe coma noutras que coñezo. Persoa pertencente á alta burguesía madrileña da época e que, polo tanto, se movía nos círculos que correspondían á súa condición. Nesas circunstancias, a súa irmá, que tamén debía ser moi guapa, resultou gañadora, por tal cualidade física, dun premio que se daba nun baile do casino da capital do Estado. A recompensa era un retrato do pintor de moda na España daquela altura, o ferrolán Fernando Álvarez de Sotomayor.
Nos anos 40 do século pasado, por moi importante que fora o artista, non estaba ben visto que unha “señorita” quedase a soas cun home, así que de acompañante acudiu a miña avoa política. Cando Fernando abriu a porta celebrou a boa elección do xurado. Explicado o erro, non era a afortunada, senón a súa carabina, Sotomayor pensou que tamén merecía o seu cadro.
“A súa figura resulta antipática, pois ocupou con man de ferro importantes postos institucionais”
A obra é moi boa, pero está inconclusa. O pintor decidiu que non conseguira plasmar á representada, así que abandonou o traballo. Mentres a pintura ten rematado o rostro, o corpo aparece abocetado. A min isto gústame especialmente, xa que podemos observar algún dos costumes do autor. O artista limpaba os pinceis sobre o propio lenzo; así, nun costado atopamos trazos cos tons rosados da pel.
Como digo, o cadro ten moita calidade plástica, pero si representa máis idade da que realmente debía ter a muller no momento do retrato, xa que a avoa, tristemente, morreu con pouco máis de vinte anos como consecuencia do parto da súa única filla, a miña sogra. Ata aquí a parte íntima. O drama social é que falamos de plena posguerra no país e o noso ilustre paisano foi o preferido durante un tempo do réxime franquista. Mesmo chegou a ser alcalde da Coruña nos últimos anos da Guerra Civil.
Álvarez de Sotomayor era un estupendo pintor, de gran nivel artístico, mais fóra das tendencias máis avanzadas da época desde un punto de vista internacional. Pertencía a unha corrente definida como “rexionalismo” e que combinaba unha gran factura académica con temática de carácter costumista ou folclórica.
“A súa xestión para recuperar as máis destacadas obras do Museo do Prado foi notable”
Non atoparemos na obra do noso autor pegadas da revolución plástica que supuxeron as vangardas históricas da primeira metade do século XX. Ben, isto é comprensible, non podemos esixir a ninguén participar na carreira frenética na que se converteu a pintura daquela altura, mais o certo é que tampouco parece existir un auténtico compromiso social coa realidade que retrata. Os seus personaxes aparecen en vodas, banquetes ou nunha romaría permanente, ataviados coas súas mellores galas, moi afastados dos dramas e inxustizas que si presentan, por exemplo, os debuxos de Castelao.
Estes dous factores, unidos sen dúbida, a compoñentes políticos, a súa xa referida implicación coa ditadura, condicionan o recoñecemento posterior de Sotomayor nun amplo sector da crítica. A súa figura preséntase ademais como antipática, xa que ocupou con man de ferro importantes postos institucionais na cultura do franquismo. Foi o director do Prado desde a fin do conflito civil ata a súa morte en 1960, e xa o fora tamén antes de proclamarse a II República.
“Os seus personaxes están moi afastados das inxustizas e os dramas que si presenta Castelao”
Desde tan privilexiada posición opúxose a calquera renovación da arte en España. Tanto é así, que acabou cun anoxo monumental co réxime, que nos anos 50, e grazas a espabilados ministros, decidiu dar unha imaxe máis moderna e internacional promocionando novos artistas pertencentes ao denominado informalismo abstracto.
Nesa batalla chegou a escribir á Escuela de Psiquiatría de forma irónica para que se pronunciaran sobre quen gozaba de boa saúde mental.
É de xustiza sinalar que Sotomayor, ademais da súa calidade pictórica e malia todo o referido anteriormente, tivo importantes acertos no seu labor. A súa xestión para recuperar as máis destacadas obras do Museo do Prado, trasladadas a Suíza para evitar os destrozos dos bombardeos en Madrid, foi notable. También deixou pegada en Chile, onde chegou como profesor en 1908 e exerceu un importante maxisterio que lle valeu para que o seu nome bautizase unha destacada xeración de artistas do país. Na nosa cidade é, sen dúbida, un referente e figura chave do noso patrimonio cultural.
En fin, como ven, existe un intenso debate, que en poucas ocasións, se dá en Ferrol sobre personalidades culturais que habitan os nosos lugares comúns e baleiros discursos institucionais sen máis finalidade que esa autocompracencia que limita unha revisión seria da súa traxectoria.
Mentres isto escribo, no salón, unha muller obsérvame desde o seu lenzo cun lixeiro sorriso e un ollo de cada cor, como David Bowie.