O mundo rural galego é o tema central do proxecto interdisciplinar “A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego”, do director e guionista ourensán Aser Álvarez, que onte, na inauguración na sede ferrolá de Afundación, conduciu unha visita guiada polos materiais e contidos dunha mostra que conxuga fotografía, pezas audiovisuais, poesía e música. Con esta iniciativa, Álvarez quere recoñecer “unha realidade esencial para a conformación da identidade de Galicia”.
O proxecto forma parte do programa “Cultura por alimentos” que Afundación leva a cabo xunto coa Federación Española de Bancos de Alimentos, polo que desde a entidade se anima aos visitantes que colaboren doando produtos non perecedoiros.
Entre os fondos que se poderán ver en Afundación están a colección de Jaume Lloveras e Juan Piñeiro Andión, o arquivo do fotógrafo Carlos Valcárcel e os fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
Tamén hai versos creados por Medos Romero, Olalla Cociña, Miguel Sande, Gonzalo Hermo e Oriana Méndez e unha banda sonora que asina Moisés Quintás.
Con esta mostra, explica Afundación, Galicia convértese na primeira comunidade de España en abordar unha exposición monográfica cos fondos catalogados polo Ministerio.
A mostra estará aberta até o 20 de abril en horario de luns a venres de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00. Os sábados abre de 11.00 a 14.00 e, pola tarde, de cinco a sete. Pecha domingos e festivos.