A banda da Loba pon os afectos no centro do seu novo disco “Lovismo”

Este último traballo, no que participa a integrante ferrolá Xiana Lastra, pode escoitarse dende onte en plataformas
A banda da Loba pon os afectos no centro do seu novo disco “Lovismo”
A profesional que se ocupou da fotografía tamén é a autora do deseño identificativo do novo disco | SONIA GARCÍA

A banda da Loba acaba de lanzar o seu último traballo, “Lovismo”, unha obra derivada das traxectorias persoais das integrantes, e que se centra nas múltiples temáticas que pode abarcar o amor. Este disco lanzouse o venres ás principais plataformas, xusto unha semana despois da saída do sinxelo “Xogo de agardar”.


Os nomes que están detrás do grupo son os de Andrea Porto, baixista; Marcela Porto, percusionista; Iria de Cabo, guitarrista que chega á formación substituíndo a Inés Mirás; Estela Rodríguez, violinista,e Xiana Lastra, a única ferrolá, que se ocupa da voz. Esta última, que onte foi unha das convidadas ao espectáculo que ofreceu Loita Amada na Capitol, destacou que “é unha banda na que as cinco persoas que a integran teñen o mesmo peso”.


“Lovismo” conecta cos anteriores traballos da agrupación na perspectiva coa que se colle o tema principal, o amor, que se aborda “desde un prisma non sei se reivindicativo pero si de facer pensar”, describiu Xiana Lastra. Así pois, neste disco continúan propoñendo letras comprometidas a nivel social, que se combinan coa parte musical do seu característico estilo ecléctico.


Non obstante, este novo disco tamén presenta sonoridades que A banda da Loba nunca dera a coñecer, amais de realizar unha aposta maior polo traballo de produción, do que volve ocuparse Arturo Vaquero, un profesional veterán xa con este colectivo. “Cando levas moitos anos tocando, imaxinas a túa música como soa na cabeza e moitas veces está ben ter unha visión externa”, explicou a cantante.


Da mesma maneira, outra novidade é que “xogamos máis cos instrumentos”. Tal como exemplificou Lastra, Estela Rodríguez limitábase a tocar o violín até o anterior disco, “Xabón Lagarta”, onde se incorporou un tema con teclado. Nesta ocasión, son aínda máis os que se engaden, á marxe de ampliar a variedade das percusións e de rítmicas.


A temática, por suposto, é outro aspecto que se transforma con respecto ás anteriores, un cambio que vén aparellado ás experiencias persoais das integrantes. Tanto a baixa médica de Inés Mirás como a filla que tivo Andrea Porto motivaron en boa medida “un parón dun ano no que estivemos compoñendo e pensando que iamos facer despois”, indicou a ferrolá. Este período de reflexión, que estivo “moi relacionado cos afectos: co apoio, co compañeirismo, cos coidados, coa maternidade...”, desembocou na idea de realizar un disco centrado nesas múltiples perspectivas posibles do amor.


Precisamente, o título que puxeron ao resultado final parte da tradución ao inglés deste termo, “love”, que interactúa co sufixo “ismo”, referenciando o chamamento á transformación que xa se advirte na canción “LOVA”: “esa renovación necesaria”, á que  nos enfrontamos as persoas en moitos momentos da vida. Vinculado a isto, videoclip deste tema realiza a metáfora visual de “liberar ese fío vermello que todo o mundo leva dentro, que che permita conectarte coas outras persoas e querer como ti queiras querer a quen ti queiras querer”.


Evolución 

“A banda da Loba como tal, xorde dun primeiro proxecto que se estaba configurando pero que non acabou de saír á luz”, sinalou Xiana Lastra, no que participaba ela mesma xunto ás irmás Andrea e Marcela Porto. Aínda que as tres xa se coñecían, esta foi a primeira vez que tocaron xuntas, polo que puideron comprobar o bo equipo que facían.

 

A este trío sumáronse Estela Rodríguez e Inés Mirás, conformando un grupo unido por aspectos comúns básicos para o deseño da súa propia personalidade. Entre estes atópanse trazos que distinguen os seus temas como o uso da lingua e a defensa da identidade galega, entre outros valores que as caracterizan.


“Todas vemos a música dunha maneira moi global”, continúa, xa que “ningunha de nós está atada específicamente a un estilo musical”. Así, as composicións destas protagonistas tampouco se enmarcan nun xénero concreto, senón que cocrean un proxecto “moi heteroxénero”.


Tal como relatou Xiana Lastra, as integrantes da banda percatáronse da inmensa importancia que ten esa confluencia de aspectos comúns á hora de buscar unha guitarrista para substituír a Inés Mirás pola súa baixa. De feito, atopar unha persoa que entendera o carácter do colectivo custoulles máis que dar coa idónea no plano musical.


Esta tarefa rematou cando apareceu Iria de Cabo, que chegou ao grupo “como un soplo de aire fresco”. Amais da súa destreza coa guitarra, achegou ao proxecto a súa ampla formación “en ámbitos nos que nós polo momento, non tiñamos”, explicou Lastra, en referencia ao mundo do jazz do que procede a nova guitarrista, que lles “abriu ventás que aínda estaban pechadas”. 

A banda da Loba pon os afectos no centro do seu novo disco “Lovismo”

Te puede interesar