A biblioteca e hemeroteca do Ateneo Ferrolán especialízase no fondo local e na investigación

O espazo, que conta con diversas salas e un ambigú, está aberto ao público como un lugar de encontro cultural
A biblioteca e hemeroteca do Ateneo Ferrolán especialízase no fondo local e na investigación
Unha das zonas das que dispón a biblioteca, neste caso a parte máis antiga | EMILIO CORTIZAS

O histórico Ateneo Ferrolán alberga a única hemeroteca da comarca, amais doutras instalacións como a biblioteca, salas expositivas, aulas e un salón de actos con capacidade para cen persoas. Este é un espazo aberto a todo o público, que paradoxicamente se enfronta a un “coñecemento difuso”, co que aqueles que non son socios poden sentir unha barreira irreal.


A acta de fundación data de 1879, cando o centro inaugurouse co nome de Ateneo Artístico, Científico e Literario de Ferrol. Dende estes inicios, a súa traxectoria foi discontinua, sendo unha das etapas de irrupción máis abrupta a que comezou coa Guerra Civil e posterior ditadura.


No edificio obsérvanse dúas fachadas diferenciadas, a máis antiga, que data do século XVIII, fora unha vivenda, como se pode comprobar no cuarto que hoxe é o salón de actos, onde se conserva un dos seus elementos, que servía para quentar a casa. Por este auditorio pasaron personalidades relevantes non só no ámbito da cultura galega senón tamén internacional, como Carvalho Calero, Ian Guibson ou Savater, tal como exemplificou o responsable da biblioteca, Fernando Rivera García.


En 2010 realizouse unha reforma integral da man do arquitecto Alfredo Alcalá, coñecido na cidade por outras obras como a Facultade de Humanidades e Documentación. Nesta intervención unificáronse as dúas fachadas e baleiráronse distintos pisos para crear un espazo diáfano, aínda que “tampouco máis funcional”, segundo reflexionou Rivera. Trátase dun asunto sobre o que se adoita debater, que confronta en certo punto a arquitectos e outros profesionais, coma os bibliotecarios, que traballan nos espazos deseñados polos primeiros.

 

Actividade

Esta entidade sen fins de lucro permanece aberta a toda iniciativa de índole cultural que precise un lugar onde desenvolverse. Aínda que non se estipulan requisitos, polo feito de que “vivimos da masa social”, apuntou o bibliotecario, agradecen as doazóns ao patrimonio, xa sexa artístico ou documental, do Ateneo. Do mesmo xeito, os actos que se organicen deberán admitir ao público interesado.


Ademais da utilidade do espazo, o centro ofrece múltiples actividades, a inmensa maioría libres e de balde. Por exemplo, a pesar de que existen dous clubes de lectura so para socios, tamén se dispón doutro que focaliza na novela negra e está aberto a calquera persoa interesada.


Un dos recursos máis relevantes está integrado na Rede de Bibliotecas de Galicia e, dende  2008, está considerada Biblioteca de Titularidade Privada de Especial Interese para Galicia, “fundamentalmente polo seu fondo hemerográfico”. Esta é unhas das poucas hemerotecas do norte galego, que conserva moitas das principais cabeceiras, centrándose en prensa local. Algúns son exemplares únicos do século XIX e XX, o que xustifica ese recoñecemento hai máis de 15 anos.


Fondos

O Ateneo Ferrolán custodia unha colección de 15.000 volumes que manteñen no tempo, por razóns de espazo e especialización, xa que o trazo distintivo deste centro, en comparación a outros como pode ser a biblioteca municipal, é o foco local e a orientación cara a investigación.


Así, á marxe do fondo centrado na área de Ferrolterra, este depósito tamén conta con seccións temáticas habituais e outras máis concretas como unha sección bibliográfica centrada nas mulleres, unha colección de carteis, un arquivo fotográfico e unha filmoteca, entre outros.


Unha das clasificacións máis distintivas é o fondo antigo, que conta con arredor de 400 obras, de carácter máis xeneralista, que se conservan no Ateneo Ferrolán polo seu valor patrimonial. Segundo establece a Xunta de Galicia, esta división enmarca as obras datadas antes de 1958, “pero ese espazo temporal depende do centro bibliotecario”, indicou Rivera, que neste caso alberga documentos previos a 1900.

 

Algunhas destacan especialmente, como “Icones veterum aliquot, ac recentium medicorum, philosophorum que, elogiolis suis editae, opera I. Sambuci”, que se remonta ao século XVI. Esta foi unha doazón que presenta unha cuberta de importantísimo valor histórico. Desta obra so se coñecen exemplares nas Bibliotecas Nacionais de España, Austria, Bélxica e Francia, así como a Universidade Complutense.


Como dato anecdótico sobre as achegas voluntarias, que en gran parte dos casos, ten que descartarse moito material, Fernando Rivera lembrou cando un traballador dunha empresa de xestión de residuos, Manuel Piñón, contactou co Ateneo ante o achado de libros entre os entullos dunhas obras. Despois de recompilar os exemplares, entre a selección atopábanse algunhas pezas valiososas, como “Cartas eruditas y curiosas” do pai Feijoo, do século XVIII.


Os textos máis relevantes están en proceso de dixitalización co obxectivo de volcalos ao repositorio en liña, ao que se pode acceder a través da páxina web ateneoferrolan.org, e directamente no seguinte enlace archive.org/details/@ateneo_ferrolan_1879

 

Os documentos escritos, de imaxe, de son e vídeo dixitalizados xa acumulan tres terabytes

Un catálogo en liña rexistra todo o material que se conserva no Ateneo, tanto físico como virtual, entre o que se atopa moito máis material dixitalizado do que alberga o repositorio. Neste último, os usuarios poden atopar prensa histórica, monografías, libros, música, gravacións sonoras e audiovisuais.


O repositorio naceu hai arredor de 20 anos, cando o centro presentouse a unha convocatoria de axudas da Fundación Pedro Barrié de la Maza, pola que gañaron financiación para avanzar no proceso, que “acabou derivando nun proxecto, como continuación desta iniciativa, que é o plan de dixitalización de publicacións de interese local, xa con recursos propios do Ateneo”, detallou Fernando Rivera.


Por outro lado, é distinto o contido dixitalizado, que se pode consultar a través dos equipos do centro, do que está subido ao repositorio, por motivos de propiedade intelectual. Así, soamente se sube o material de dominio público ou que carece de dereitos, segundo continuou o profesional, unhas características que ás veces é difícil discernir.


Este recurso coopera co obxectivo do Ateneo de difundir a historia local e até o momento realízase por medio da plaforma Internet Archive porque se axeita ás súas necesidades. Trátase dun medio que permite subir todo tipo de arquivos, con almacenamento ilimitado e contexto. Amais, é de software libre, polo que corresponde coa súa filosofía de defensa do acceso á información universal. 

A biblioteca e hemeroteca do Ateneo Ferrolán especialízase no fondo local e na investigación

Te puede interesar