O BNG reúnese no CPI A Laxe de Valón para tratar problemas de matriculación

O BNG reúnese no CPI A Laxe de Valón para tratar problemas de matriculación
Outra das xuntanzas desenvolvidas este ano, neste caso na sede do partido en Ferrol / CEDIDA

Un grupo en representación da Anpa do colexio A Laxe, localizado na parroquia ferrolá de Valón, reuniuse onte co colectivo municipal do BNG para analizar a situación das matrículas neste centro, tras quedar en lista de espera catro nenos e nenas.


O acordo asinado polos sindicatos UGT, ANPE e CCOO coa Xunta, onde se diminúen as ratios na busca dunha suposta mellora na calidade educativa, é o motivo que atribúe o grupo político ao feito que deixou en lista de agarda aos alumnos do CPI A Laxe. Asimesmo, o BNG de Ferrol  relaciona este acordo coa formulación dunha ferramenta administrativa para poder aplicar recortes educativos.


Segundo María López, concelleira do BNG, hai familias que non puideron matricular aos seus fillos e fillas no colexio escollido, debido á negativa da Consellería de Educación de achegar unha solución para este centro.
A solución a este conflito coas matrículas, que se extende a outros centros do ámbito rural,  foi achegada polo propio grupo municipal, xa que o CPI A Laxe podería ter a posibilidade de desdobrar unidades, segundo comunican dende o BNG ferrolán.


Asimesmo, indican que a negativa da Xunta de Galicia para a contratación de máis persoal docente é a causa que deriva nos  catro pequenos que quedarían sen admitir no centro educativo que desexan, e cuxas familias  actualmente se atopan agardando a resolución final da administración autonómica.


A concelleira María López lamenta o silencio que, segundo comunica, garda o goberno do Concello sobre esta problemática, “máxime cando a responsábel da area é ao mesmo tempo a directora deste centro e sendo preguntada por este conflicto na comisión informativa municipal da semana pasada contesta que aínda non hai unha resolución definitiva”, comunican dende o grupo municipal do BNG.


A xuntanza de onte coa Anpa da Laxe, en Valón, produciuse despois de que as familias afectadas deran a coñecer a situación que están a padecer nesta escola, coa falla de admisión destes nenos. Por estes argumentos, o colectivo político insta ao goberno local a procurar unha solución para “un centro do rural da nosa cidade que ten moitas potencialidades e que desde a administración non se está a potenciar”, declaran dende o grupo municipal do BNG en Ferrol. 

O BNG reúnese no CPI A Laxe de Valón para tratar problemas de matriculación

Te puede interesar