O curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez, do Club de Prensa de Ferrol, deu comezo o mércores no Campus de Esteiro cunha introdución que deu paso aos relatorios dos protagonistas. A apertura oficial correu da conta de Julia Díaz Sixto, presidenta da entidade organizadora, que destacou a longa traxectoria dun curso que tivo como sede a vila de Pontedeume até o 2012, cando comezou a celebrarse na cidade naval.
A continuación, interveu a dirección do curso, empezando por Asunción López Arranz, que afondou no fío condutor do curso, polo que animou a reflexionar sobre temas de interese para a sociedade contemporánea como a educación, o emprego, a xeopolítica ou o cambio climático. Asimesmo, Esperanza Piñeiro de San Miguel engadiu ao discurso a utilidade que ve nesta formación para o debate social.
O concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far, expresou o orgullo que supón para Ferrol acoller un curso coma este, coa súa singularidade a nivel temático, ademais de facer fincapé na presenza de xente nova.
Severino Álvarez Monteserín, delegado territorial de Cultura, valorou o esforzo que supón a posta en marcha dunha cita coma esta, con 25 anos de traxectoria. O representante autonómico deu paso á vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, que agradeceu a labor do anterior director do curso, Alberto Sucasas.
A única ponencia da mañá, “Xeopolítica do caos e nova orde internacional”, protagonizouna Jorge Antonio Quindimil, profesor de Dereito Internacional da UDC. O docente apuntou algúns trazos de relevancia na actualidade, como é o papel que xoga hoxe en día, a distintos niveis, a Intelixencia Artificial. Quindimil sostivo na súa conversa que a sociedade distópica non é un asunto futuro, senón que xa nos atopamos inmersos nela. Un dos datos máis reveladores que achegou foi que só un 6% do mundo vive en sociedades democráticas, un aspecto a ter en conta en canto á organización da orde internacional.
Pola tarde, Félix Puime Guillén, mestre titular permanente laboral da UDC na área de Economía Financeira e Contabilidade, ocupouse do relatorio “A transmisión de coñecementos do profesor universitario a nivel internacional e a súa participación no desenvolvemento mundial”. Entre os contidos que expuxo, o economista citou ao poeta irlandés William Butler Yeats, cando declarou que a educación non sería comparable a encher un caldeiro, senón a prender un lume. Do mesmo xeito, puxo acento na pertinencia da formación humanística e, por outro lado, lamentouse do défice de mulleres en carreiras técnicas.
Outro dos datos a destacar no seu discurso foi a produción anual de 70 millóns de euros que realizou a UDC coas numerosas colaboracións entre a industria e a universidade, resaltando a relevancia destes acordos.
A última ponente foi Asunción López Arranz, profesora do Departamento de Dereito Público da Facuoltade de Ciencias do Traballo da UDC, que impartiu a sesión “Un novo modelo social europeo, reflexo da Carta Social”.