Carlos Núñez regresa a Ferrol: “O Nadal é o solsticio de inverno, un momento especial para conectar coa natureza e esta música”

Nestas datas, xa é unha tradición que o artista visite Ferrol no marco dunha xira anual, que nesta ocasión presentará a novidade de estrear unha serie de panxoliñas, dende as máis tradicionais até outras menos coñecidas, todas elas cun formato único
Carlos Núñez regresa a Ferrol: “O Nadal é o solsticio de inverno, un momento especial para conectar coa natureza e esta música”
Un instante do concerto do ano pasado no mes de decembro, no que se sorteou unha viaxe a Irlanda | Emilio Cortizas

“A Travesía” é o nome deste ano da xira internacional que realiza por estas datas, dende hai arredor dunha década, un dos gaiteiros máis valorados do mundo, Carlos Núñez. O teatro Jofre é unha das paradas imprescindibles “por tradición”, polo que despois de pasar por puntos como a catedral de Dublín, Glasgow ou Nova York, o músico subirá mañá, ás 20.00 horas, a este escenario.


Segundo o artista, a idea deste percorrido naceu “despois das xiras que facía por América cos meus mestres The Chieftains”, polo Saint Patrick’s Day, no mes de marzo. Tras a reflexión, escolleuse o Nadal para estes concertos por ser unha etapa que ás veces adoita definirse como máxica, aínda que grazas ao traballo de documentación que Núñez está a facer cun equipo científico, cada vez está máis preto o coñecemento desas “cousas que non foron aínda codificadas”.


Aínda que as respostas atópanse lonxe do universo humano, o gaiteiro fala dunha enerxía que sinte nestes concertos, onde tamén aprecia “como a xente entra nese estado case de gracia, de trance”. En todo caso, “non nos esquezamos que o Nadal é o solsticio de inverno, un momento especial para conectar coa natureza e con esta música”, advirte. Polo tanto, Carlos Núñez relaciona o son de instrumentos como a gaita e as melodías tradicionais co calendario, cos ciclos anuais que rexen a agricultura ou coa cosmoloxía, entre outros.

 

"Música cosmolóxica"


Todo este misterio vén unido a unha das grandes novidades  deste ano, no que “aprendín moitísimas cousas sobre os vilancicos: son a reelaboración da reelaboración dos caroles medievales, que eran danzas circulares de celebración do solsticio de inverno”, explicou o artista, detallando a similitude co termo anglosaxón dos “christmas carols”.

 

 

“A música está ligada con todas esas cousas da natureza, e moitas veces sentimos pero non acabamos de entender que é o que pasa nese mapa”, declarou o gaiteiro. Así, a pesquisa que está a realizar sobre as panxoliñas apóiase no traballo de profesionais como antropólogos, investigadores ou arqueólogos. “Nunca pensei que podería haber tanta profundidade detrás dos vilancicos”, destacou, realizando unha comparación “coas alboradas que se tocan coa gaita galega: son pezas de celebración do nacemento do sol”.
 

Dende as súas orixes, as nadaliñas fóronse actualizando e “o bonito de todo isto” é que “estamos conseguindo pouco a pouco entender toda esa música cosmolóxica”, valorou. Ademais, para o artista supón un reto “a misión de transmitilos”, polo que “nos concertos de Galicia imos regalarlle ao noso público unha estrea total” destes temas populares de Nadal. Algúns son os de sempre, aínda que se diferencian na “clave celta”; outros son históricos galegos, “dos que se facían nas catedrais de Galicia alá polo 1800”, á marxe dos internacionais.

 

O mar celta


“Celtic Sea” é o nome do disco que lanzou o ano pasado Carlos Núñez e que, amais da selección de panxoliñas, presentará no Jofre. Este traballo inclúe un himno en conmemoración do 50 aniversario de Brittany Ferries, baseado no “Alalá do Pindo”, que se titula “Mare Britanicum”. Este é o termo da Idade Media para referirse “a todo ese mar que chegaba dende Irlanda ata Galicia”. Hoxe este concepto denomínase mar celta, ou “celtic sea”, que une este territorio con outros cos que se comparten dende petroglifos até as liras dos bardos.

 

 

Os agricultores de Bretaña fixeron unha cooperativa para levar os seus produtos en barcos ata as costas dos países celtas”, explicou o músico sobre as orixes da firma, que despois pasou de transportar alimentos a persoas.


Até o momento, existe conexión coas costas de Santander e Bilbao, aínda que como “unha das persoas máis importantes da compañía é ferrolá, María Mathieu”, ela trasladou a Núñez que “un dos soños de Brittany Ferries sería poder chegar ata o porto de Ferrol”, comentou. Esta viaxe dende a cidade correspondería, en tempo, a pasar a noite no barco e amencer en Bretaña. “Os países celtas son as Galicias do mundo, queren estar en contacto con nós”, concluíu. 

Carlos Núñez regresa a Ferrol: “O Nadal é o solsticio de inverno, un momento especial para conectar coa natureza e esta música”

Te puede interesar