Este venres inaugúrase no Ateneo Ferrolán a primeira mostra de Carmen Alberto Rodríguez, unha pintora novel que leva a súa paixón nas veas e que xa obtivo diversos recoñecementos polo seu traballo. A exposición titúlase “Morriña” e no acto de presentación, a partir das 19.00 horas, a autora explicará aos asistentes a relevancia de que este fito se celebre en Ferrol.
A artista vén con ilusión dende o sur, onde cursa o grao en Belas Artes pola Universidad de Sevilla, á terra que inspira as súas obras. Carmen Alberto é ferrolá e ten moi presente as súas orixes e en particular valora o apoio incondicional do seu entorno. “Mi familia, especialmente mi abuela Clara, me ha inculcado desde pequeñita ese amor al arte como digna hija de Rodolfo Ucha Piñeiro”, relatou a pintora, que se considera discípula de Eva Liberal.
Carmen Alberto foi recoñecida polo seu traballo en diversas ocasións, como os Premios Lidera 2018, a ilustración na portada do libro “El castillo de los calcetines perdidos” ou a realización dun cartel da Hermandad de la Virgen de la Alegría en Sevilla.