O Castelo Folk volve á carga coa romería até a fortaleza dos Andrade en Nogueirosa

O Castelo Folk volve á carga coa romería até a fortaleza dos Andrade en Nogueirosa
Un instante na xornada da edición do ano pasado | CEDIDA

A xornada do sábado celébrase a sexta edición do Castelo Folk, un encontro que vén cargado de actividades para todos os públicos. O programa ten un marcado carácter tradicional, dende a música até a mesma concepción do evento, que se desenvolve na parroquia eumesa de Nogueirosa.


Como cada ano, o festival chega da man da Andaina Camiño Real, de dificultade media, cuxa saída se convoca ás 10.30 horas na praza de Rosalía, na zona do paseo marítimo. Para facilitar a participación, haberá servizo de autobuses dende a marquesiña de Pontedeume ás 14.00, 17.00 e 21.00 horas; e de volta ás 14.15, 17.15 e 21.15 horas.


“É unha romería das de antes que remata cun festival folk”, define Ramón Fraga, presidente da ACRM Xente de Aquí e de Acolá. Ás 11.00 horas abrirase o evento e ás 11.30 xa estará disposta a mostra de artesanía. O grupo de cantos de taberna Airiños do Eume encargarase das alboradas polo campo ás 12.30 horas.


Os nenos poderán entreterse con xogos tradicionais mentres se prepara o xantar e tamén despois. Ás 16.30 horas, os pequenos  volverán ser protagonistas cos diversos talleres artesáns como o de arxila polimérica. Ás 17.00 horas haberá unha foliada aberta para todas as idades, que contará cun taller de baile para poñer en práctica cos concertos.

 

Manuel Mosquera será o encargado de inaugurar o festival ás 19.00 e ás 19.30 horas dará comezo a primeira actuación a cargo do grupo xuvenil de Orballo. A seguinte en subir ao escenario será a agrupación folk Ailá, ás 20.15 horas, e a continuación, ás 21.45 horas tocaralle a quenda aos tradicionais Os Carunchos.


A ACRM Xente de Aquí e de Acolá organizan o encontro, coa colaboración do Concello de Pontedeume. Esta asociación creouse a partir dun grupo de veciños, de diversos puntos, que anhelaba unha vida máis comunitaria, festeira e que tamén fixera partícipes aos nenos. Có tempo, desencadeou no Castelo Folk, un evento que pretende valorizar as tradicións e tamén o patrimonio da parroquia de Nogueirosa, como é a fortaleza dos Andrade sobre a pena Leboreira. 

O Castelo Folk volve á carga coa romería até a fortaleza dos Andrade en Nogueirosa

Te puede interesar