As circunstancias levaron á Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón a desprazar a mostra coa que habitualmente remata o curso a este mes de decembro. O pasado mércores tivo lugar a primeira función, “Dora surrealista”, no Auditorio e hoxe martes e mañá mércores representaranse as outras dúas –ambas ás 20.30 horas– que completan o cartel deste ano. Trátase de “Terapias alternativas”, unha peza de teatro musical escrita a dirixida por Bea Díaz e intepretada polos alumnos do “Practicum”, e “Noite de Reis”, unha versión de Quico Cadaval sobre o texto de Shakespeare, dirixida por Celia González, que é, ademais, xefa de estudos da escola.
Cal é o obxectivo que se marca a escola con este ciclo?
O obxectivo é mostrar o traballo feito polas alumnas e os alumnos da escola ao longo do curso, que a xente poida ver o que facemos. O ano pasado unha das obras quedou sen facer e quedou pendente para este ano e, aproveitando que temos dous espectáculos feitos na escola, vimos a oportunidade de organizar este pequeno ciclo.
Cantos alumnos e alumnas teñen este curso?
Estamos nos 50, aproximadamente. Son tres anos de formación con materias, ademais da de interpretación, como voz e dicción, posta en escena, danza, teatro físico... Un pouco para que se formen de maneira xeral en todos os ámbitos e facetas que interveñen no teatro. Logo hai un cuarto curso, que lle chamamos o Practicum, que se pode facer as veces que un queira porque é un traballo máis específico, de aspectos máis concretos do que é a arte dramática.
Que idades ten o alumnado?
Temos de todas as idades, que é unha das partes que máis me gusta desta escola. Hai rapaces e rapazas desde os 16 anos –este ano entraron varios moi noviños– e persoas de ata case oitenta anos. Hai de todas as idades e iso encántame: noutos ámbitos da vida é máis difícil socializar con persoas de idades tan diferentes e ver que podes traballar e compartir con elas é algo estupendo desta escola.
O perfil será de afeccionados, pero tamén haberá quen faga a formación para ver se aí está o seu futuro profesional, non?
Si, temos xente que o ten como un “hobby”; xente que ao mellor está no instituto e quere prepararse antes de saír a formarse a outros lados; xente que ao mellor encamiñou a súa vida profesional por outro lado e agora se cuestiona se cambiar a esta opción... Hai un pouco de todo, e iso enriquece o noso labor.
Cal é a súa relación coa escola?
Entrei como alumna no 2003, ao pouco de que a escola comezase neste formato que ten agora. Estiven cinco anos, porque daquela o percorrido era así, e logo comecei a dar algunhas clases en obradoiros. Marchei a Vigo a estudar na Escola Superior de Arte Dramática e, cando volvín, déronme traballo aquí na escola.
Narón é referencia no mundo do teatro, e non só en Galicia. Que valoración fai deste protagonismo amplamente recoñecido?
Que che vou dicir! Eu son de Narón e levo toda a vida aquí e gozando de poder ver e facer teatro, e iso é grazas á implicación do Concello neste ámbito. Puiden disfrutar como alumna e podo disfrutar como profesional, e iso é posible porque había e hai unha escola de teatro destas características. Se non a houbese, non sei se me tería dedicado a isto. É unha sorte tela aquí.