César Carreño, presidente da Xunta de Confrarías: “O que non queira ver como está Ferrol en Semana Santa, que vaia ao oculista”

O presidente da Xunta de Confrarías e Irmandades afronta a súa derradeira Paixón no cargo logo de máis de dez anos nos que a mecha confrade terminou de prender na xente máis nova
César Carreño, presidente da Xunta de Confrarías: “O que non queira ver como está Ferrol en Semana Santa, que vaia ao oculista”
Carreño, este luns, no Campo de San Roque | Daniel Alexandre

O 4 de setembro de 2014, o agasallo que recibiu César Carreño polo seu aniversario foi a presidencia da Xunta de Confrarías e Irmandades da Semana Santa de Ferrol. Cun feixe de desafíos por diante, máis de dez anos despois o mercedario afronta a última Paixón ferrolá no cargo.

 

Como encara a súa derradeira Semana Santa como presidente da Xunta?
Con tranquilidade. Despois de todas as que levas, as cousas van ben. Con ganas de que chegue o momento, de pasar páxina, de adicarme a outras cousas relacionadas coa Semana Santa tamén.

 

Por exemplo?
Afondar nos documentos históricos.

 

Tamén é tempo de mirar ao ceo, non?
A xente ten presente o de “en abril, augas mil”, pero non teñen en conta que é un refrán de Castela para Castela. Aquí o tempo é o que entre pola boca da ría. Aínda que, estatísticamente, as semanas que tivemos mellor tempo foron as de abril. Nas que máis suspendimos procesións, foron en marzo.

 

 

O calendario confrade foise ensanchando, pero na Cuaresma acumúlanse as citas...
Deixamos pasar As Pepitas e xa este venres temos o Via Crucis que, aínda que chova, farémolo dentro do Santuario das Angustias; o seguinte, presentamos a revista e o procesionario, e o seguinte máis, o pregón. A maiores, todo o que organizan as confrarías e as bandas. Ao que lle guste o mundo confrade, ten agora 20 días a tope.

 

Da revista pode adiantar algo?
Pois que algún dos artigos supón unha novidade importante na historia da Semana Santa ferrolá.

 

Neste tempo semella que agromou ao fin a semente confrade e todos os actos están cheos...
E de xente nova. Hai futuro. É unha das tradicións con más mocidade. A vida confrade ten éxito e iso implica que está na forma de ser dunha parte importante da poboación de Ferrol.

 

 

Parece que as administracións decatáronse tamén e aumentaron as súas achegas...
É un investimento que fas na cidade porque atrae moita xente e vai en beneficio de todos. Non é un gasto. O que non queira ver como está Ferrol en Semana Santa, que vaia ao oculista.


Nesta década de presidencia, déronse moitos cambios. Cales valora dun xeito especial?
Agora todas as confrarías son mixtas. Iso é algo que non se ve, porque imos tapados, pero é fundamental e que aquí sucedeu sen intervencións do Bispado. Tamén, salientar a aposta das irmandades polo patrimonio, que non é fácil nin barata, ademais da boa relación que hai entre elas. Así mesmo, a Xunta reforzou a comunicación e as redes sociais.

 

 

Un consello para vivir estas datas?
Que as desfruten ao máximo. Primeiro, na Cuaresma, preparación interna de cadaquén. Despois, cada momento de reunión, capuchóns, correr dun lado ao outro... Hai que vivila na rúa. 

César Carreño, presidente da Xunta de Confrarías: “O que non queira ver como está Ferrol en Semana Santa, que vaia ao oculista”

Te puede interesar