A cidade natal de Benito Vicetto realiza varias accións polo seu aniversario

A cidade natal de Benito Vicetto realiza varias accións polo seu aniversario
Fronte ao busto de Vicetto, no Raíña Sofía, localízanse dous dos actos | JORGE MEIS

Un 21 de maio de hai 200 anos, nacía en Ferrol o escritor, xornalista e historiador local Benito Vicetto. Para honrar este segundo centenario, distintas organizacións continúan coa celebración de actividades, entre as que se atopa a exposición que esta tarde, ás 18.00 horas,  se inaugura na Biblioteca central coa presencia do alcalde, José Manuel Rey, e a que abrirá en setembro no Centro Cultural Torrente Ballester, unha vez se complete o expediente de nomeamento de fillo predilecto de Ferrol.


A Sociedade Cultural Medulio e a Asociación Ferrol Terra Antiga organizan unha homenaxe polo nacemento do autor ferrolán, que se celebra esta tarde, ás 17.00 horas. O acto realízase fronte o busto do autor, no parque Raíña Sofía, e nel participan os membros que impartiron as xornadas dedicadas á súa figura.


Estas conferencias foron as que inspiraron ao IES Sofía Casanova a divulgar, mediante dúas actividades principais, o legado de Benito Vicetto entre os seus estudantes, tal e como indica Pilar Vázquez, profesora de Lingua Galega e Literatura no centro. En primeiro lugar, aproveitando que os alumnos de da ESO están estudando o Rexurdimento, etapa na que se encadra a obra do escritor, o grupo realiza esta mañá un roteiro que rematará cun pequeno acto conmemorativo, tamén no Raíña Sofía.


O percorrido, que incluirá lecturas sobre a vida e a obra do homenaxeado, parte do propio centro. “Empezamos polo barrio de Esteiro porque dise que viviu alí e hai algún comentario del sobre as festas das Angustias”, explica Pilar Vázquez. O seguinte destino será o Jofre “porque el tamén foi moi famoso como actor de teatro e tivo moitísimo éxito nunha obra que representou aí na súa época”, continúa a mestra.


Seguido desta parada, o grupo desprazarase até a Praza Vella e transitará pola rúa Benito Vicetto. Mentres tanto, explicarase aos alumnos a historia desta vía, que antes era a do Cárcere até que se estableceu o novo nome na honra deste escritor, precisamente por ser o seu lugar de nacemento, segundo detalla a profesora.
Por último, a ruta remata no parque Raíña Sofía, onde se sitúa o monumento do ilustre.

 

Neste emprazamento leranse dous poemas escritos polo autor en lingua galega. Un deles é a “Balada dos Montenegro”, recollida da novela “El lago de la Limia”, e unha peza de carácter amoroso, “Ti e eu: soño dunha noite de verán”. O acto concluirá co canto do himno galego, acompañado polo acordeón nas mans de Virginia Calvo, mestra de música no instituto. Asimesmo, realizarase unha ofrenda floral, cun ramo e a bandeira de Galicia.


A docente de Lingua e Literatura sinalou a importancia de que un ferrolán ilustre coma Vicetto chegue ás escolas para que sexa valorado no presente e no futuro. Ademais, suxeriu a pertinencia de dedicarlle un roteiro axeitado, aparte do que artellaron dende o centro educativo.

 

Plasmar o recordo

Diego Vázquez, pintor muralista que imparte clases no colexio Lestonnac, xa ten un boceto feito do que os alumnos de 3º da ESO  do Sofía Casanova pintarán nunha parede do seu centro. 


O mural, que xa se comezou o martes pasado e se continuará a próxima semana, incluirá a imaxe de Vicetto, un fragmento dun poema seu, tamén en galego, e a bandeira de Galicia co lema dos Irmandiños, “Deus Fratesque Gallaeciae”, que significa Deus e os irmáns galegos

A cidade natal de Benito Vicetto realiza varias accións polo seu aniversario

Te puede interesar