Chelo Loureiro –Ferrol, 1958– ten xa catro premios Goya, un palmarés que, desde logo, está ao alcance de moi poucos. Os premios anuais do cinema español celebraron a súa trixésimo oitava edición e, por terceiro ano consecutivo, o auditorio viu subir á ferrolá ao escenario para recoller un galardón. Desta volta foi como produtora –xunto con Iván Miñambres– de “To bird or not to bird”, guionizada e dirixida polo coruñés Martín Romero.
“Estou moi contenta, moitísimo; foi unha noite máxica”, aseguraba onte pouco antes de coller un avión. “É un agasallo que as compañeiras e os compañeiros deste mundo sigan pensando que o que facemos é bo”, engadiu antes de destacar o “traballo fantástico de Martín Romero”. A ledicia multiplícase ao constatar, sinala, que “a competencia era moi boa, non era nada doado conseguilo”.
Loureiro quixo subliñar “todo o traballo, que é moitísimo, que hai detrás” dunha peza de animación. “Nunha curta de ficción todo é máis doado e precisa de menos financiamento. Nós non podemos permitirnos ese luxo porque unha curta de dez minutos é un ano de traballo e, como mínimo, media ducia de animadores traballando “full time” durante seis meses e, sobre todo, porque en animación cada euro que invistes se nota e cada euro que non invistes, nótase tamén. Polo tanto, é importantísimo ter un equipo bo, de calidade, que acompañe e, por suposto, que sexa unha boa historia porque, ao final, o cine son historias”.
A produtora de Abano, responsable, xunto con Uniko, deste “To bird or not to bird” de Martín Romero, si ten claro que a animación, ademais de estar cada día mellor valorada, “ten máis e mellores profesionais”. Con todo, insiste en que a clave está no equipo, no traballo en grupo. “Este xénero require dun traballo rigoroso por parte de todos”, explica. “Para min, o máis complexo do cine é que é un traballo en equipo total. Facemos unha obra e se hai unha parte que non está en sintonía, a obra reséntese”, di. É por iso que, alén de atopar “xente que o faga ben, cómpre tamén que engrane, que encaixe, que busque puntos de encontro e que traballe dentro da obra. Ás veces hai que pensa que a súa parte é a máis importante, pero o importante é o conxunto; importante é todo”.
A produtora ferrolá segue a desenvolver outros proxectos, sen obsesionarse cos premios. “Non traballamos para os premios, senón para facer o mellor traballo posible. Ilusióname facer un traballo novo, diferente, que aporte algo, que teña unha mensaxe que pode ser universal, que poida chegar a calquera parte do mundo e que todo o mundo poida interpretar esa mensaxe. Traballos con personalidade, en fin”.
Non deteñen os premios o traballo de Chelo Loureiro, que avanza que nestes momentos está a traballar en dous proxectos. O primeiro, a próxima película de Alberto Vázquez. “Xa imos entrar en animación moi pronto, probablemente o mes que vén, tras un ano e medio de desenvolvemento cun equipo de arte, que fixo uns fondos e uns personaxes fantásticos”, explica.
O segundo é a curta de Beatriz Lema, baseada na súa ópera prima, unha novela gráfica titulada “O corpo de Cristo”. “É un proxecto fantástico”, recoñece Loureiro. A obra foi unha das sensacións da última edición do Festival do Cómic da cidade francesa Angoulême. Tanto, que Lema se converteu na primeira muller en ter cinco nominacións. Ademais, gañou o premio do público. É un reto, pois gran parte do seu traballo está bordado “e estamos a darlle animación a eses bordados”.
“Sempre buscamos retos novos”, apunta a produtora ferrolá, “para contar unha boa historia porque, por suposto, no cine, como na literatura, o que conta é a historia”.