Debuxos escolares sobre a inclusión social con sabor a Maruxas de Nata

Debuxos escolares sobre a inclusión social con sabor a Maruxas de Nata
A Casa da Cultura de San Sadurniño acolleu esta mañá o acto de entrega de premios I JORGE MEIS

As Maruxas de Nata, afamadas galletas elaboradas pola empresa con sede en San Sadurniño, son, ao igual que para moitas outras persoas, as preferidas de Valentina, a nena con síndrome de down que soña con ser trapecista protagonista da película de animación producida e dirixida pola ferrolá Chelo Loureiro.


A película, gañadora o pasado ano dun Goya, serviu de inspiración para os máis de mil escolares de toda Galicia que quixeron participar no certame de debuxo infantil “Eu tamén son diferente”, organizado pola devandita marca do recoñecido doce, que este martes celebrou o acto de entrega de premios.


Bruno Melchor Embade, do colexio Valle Inclán, de Ferrol; Bianca García del Pont, do Julio Gurriarán Canalejas, de O Barco; e Sara Ferreira Méndez, do CPI de San Sadurniño, foron os vencedores das respectivas categorías. Xunto aos seus traballos, o xurado –integrado por David Pintor (ilustrador de Valentina), Leandro Lamas e Elga Fernández– seleccionou outros dezaséis como finalistas. Con todas estas obras artellouse unha exposición temporal que poderá ser visitada durante os próximos días na Casa da Cultura de San Sadurniño, onde esta mañá a propia Loureiro facía entrega dos galardóns aos gañadores.

 

Maruxas ganadores
Imaxe dos gañadores do certame escolar de debuxo convocado por Maruxas de Nata I JORGE MEIS


Obxectivo

A empresa Maruxas de Nata convocaba a comezos de ano este certame, dirixido ao alumnado de Educación Primaria de toda a comunidade galega, co obxectivo de contribuír á visibilización e normalización das persoas, en especial dos nenos e nenas que presentan necesidades especiais ou algunha diversidade física ou intelectual. Quixeron así “non só poñer en valor cuestións tan importantes como a inclusión e a non discriminación, senón tamén como unha ferramenta de apoio da comunidade educativa que traballa arreo co alumnado pola erradicación de todas as formas de discriminación”, destacan.


A acción enmárcase, engaden, dentro da filosofía dunha empresa “comprometida non só coa ecoloxía e os principios de sostibilidade medioambiental, senón tamén con aquelas iniciativas  que contribúen a visibilizar e a sensibilizar sobre as diferentes realidades que conviven na sociedade actual”. 

Debuxos escolares sobre a inclusión social con sabor a Maruxas de Nata

Te puede interesar