Día da Patria Galega: Sempre en Galiza

O exalcalde Xaime Bello escribe polo 25 de Xullo
Día da Patria Galega: Sempre en Galiza

Nun foro aberto en páxina web, as e os participantes elixían a Castelao como “Galego da Historia”. A achega intelectual, artística e política desta figura central da Galiza contemporánea é inconmensurábel. O seu “Sempre en Galiza”, a Biblia do galeguismo, é algo máis que un libro irrepetíbel; é a obra senlleira do pensamento político galego.


A primeira edición apareceu en Bos Aires, publicada pola editorial As Burgas en 1944 e leva a dedicatoria “En memoria de Alexandre Bóveda”. A segunda edición, póstuma –Castelao morre no exilio o 7 de xaneiro de 1950–, apareceu na mesma editorial no 25º aniversario do plebiscito do Estatuto Galego do 28 de xuño de 1936 con sete novos capítulos.


Este libro xenial segue a ser en 2024 o facho da nación galega: “Para nós a Patria é un sentimento natural, inspirado en realidades sensibles aos cinco sentidos. A Patria é a Terra. A Terra que nos dou o ser”.
“Porque un idioma é o corpo sensible dunha cultura, e todo atentado á lingua peculiar dun povo representa un atentado á súa cultura popular... O problema do idioma en Galiza é, pois, un problema de dignidade e de liberdade; pero máis que nada é un problema de cultura”.


“Ás veces topamos con algún galego que se sente fillo dunha patria pequena. A estes galegos convén repetirlles: Dis que Galiza é moi pequena? Iso depende do tamaño do teu espírito. Canto máis pequeno teñas o espírito máis terra precisarás. Se Galiza che parez pequena é porque non tes azos para concebir nada grande”.


“O problema interno de Hespaña e da Península non terá solución antramentras os políticos sigan usando, adrede, verbas impropias, pois o seu modo de confundir a Nación co Estado non se debe a iñorancia senón a táitica perversa e nós somentes creeremos que estarán preparados para entendernos o día que se aveñan a empregar outra linguaxe, pois saben que non é delito falar de varias nacións de Hespaña cando así falaban Cervantes, Lope, Gracián, etc.”


Verdadeiramente, temos que acreditar nas certeiras palabras do profesor Manuel Rei Romeu cando afirma que “nada de Castelao pode sernos alleo aos galegos e galegas, se é que nos prezamos da nosa condición”.
Sobre a relación de Castelao con Ferrol podemos salientar que foi correspondente en Pontevedra, Oliva 6, da histórica editorial Céltiga fundada en 1921 pola Irmandade da Fala local e dirixida por Xaime Quintanilla.

 

En 1922 publica nela a novela curta “Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete”, obra innovadora que o sitúa con letras de ouro na historia da literatura galega. Feliz Día da Patria para os habitantes dun país que ten un glorioso pasado e aposta por un venturoso futuro.

Día da Patria Galega: Sempre en Galiza

Te puede interesar