O Día das Artes Galegas, dedicado a Isaac Díaz Pardo, celébrase cun documental no Ateneo Ferrolán

O centro inaugura este mesmo martes unha mostra, entre outras actividades, e o xoves acollerá a proxección por iniciativa de Fuco Buxán
O Día das Artes Galegas, dedicado a Isaac Díaz Pardo, celébrase cun documental no Ateneo Ferrolán
O homenaxeado co mural que elaborara no cine Goya coruñés | CEDIDA

Hoxe, 1 de abril, celébrase o Día das Artes Galegas, que este ano se dedica ao artista e intelectual Isaac Díaz Pardo. Coa organización da asociación cultural Fuco Buxán, esta efeméride conmemorarase nas instalacións do Ateneo Ferrolán, que adoitan acoller tanto actos propios como doutras entidades, sempre abertos ao público. O primeiro caso é o desta mañá, ás 12.00 horas, cando se inaugurará a exposición de carteis “8M Día de reivindicación”.


A estrea da mostra, que estará integrada polas obras con maior puntuación do concurso convocado polo propio Ateneo con motivo do Día da Muller, coincidirá coa entrega de premios. O presidente da entidade, Francisco Javier Montero Dongil, encargarase de outorgar os galardóns aos tres gañadores. Por orde, Mercedes Quintiana percibirá un de 150 euros, Pablo García de 100 e Olga Martínez Gómez de 50 euros.
 

O xurado estivo integrado por Ánxeles Seoane, directiva do Ateneo; Laura Couto, de Fuco Buxán e da Xanela das Fucas; e Carla Elías, xornalista en La Voz de Galicia. Este equipo tivo en conta criterios como a simboloxía feminista da cor, os elementos que aluden á condición de muller traballadora, o sentido colectivo e social, así como a representación de distintas idades e razas.

 

Foro Cidadán polo Ferrocarril

Por outro lado, esta tarde de martes, ás 19.30 horas, o Foro Cidadán polo Ferrocarril organiza o relatorio do secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao. Estes actos continuarán o venres 11 no centro cívico de Canido, da man da historiadora Esperanza Piñeiro de San Miguel e a xornalista Xulia Díaz Sixto; e o xoves 24, co profesor da Universidade de Santiago de Compostela Miguel Pazos Outón.


Día das Artes

 A asociación cultural Fuco Buxán convida a asistir á proxección do documental “ISAAC”, con dobre nominación nos Mestre Mateo do 2007, e a participar nun coloquio posterior co seu director, o cofundador da Academia Galega do Audiovisual, Xosé Abad.


Isaac Díaz Pardo recibiu numerosos recoñecementos, entre os que se atopa o que lle entregou Fuco Buxán, unha entidade que interpreta como unha obriga e un “elemental servizo á coherencia, á verdade e á memoria” o feito de homenaxear e manter o recordo de persoas coma o protagonista da efeméride deste ano. O documental, cunha duración de 55 minutos e a través do guión de Carlos Vázquez, a dirección de fotografía de Antonio Vales e a montaxe de Sandra Sánchez, recompila os pensamentos e sentimentos que o atravesaron en boa parte da súa vida. 

O Día das Artes Galegas, dedicado a Isaac Díaz Pardo, celébrase cun documental no Ateneo Ferrolán

Te puede interesar