Os encoros de Ferrolterra recuperaron o volume perdido na seca do pasado verán e entraron nesta primavera ao 90% da súa capacidade, por riba da que tiñan en 2022 a esta mesma altura. As cifras que publica semanalmente Augas de Galicia indican que a masa de auga das Forcadas, que abastece para o consumo á ría de Ferrol, ocupa 8,68 hectómetros cúbicos, un 87,8% do total que se pode conter nesta infraestrutura. Hai un ano, aínda que as cifras tamén eran boas, estaban algo por baixo, cun 82,7%.
No caso das dúas presas no río Eume, que teñen como fin a explotación hidroeléctrica e son xestionados por Endesa Generación, os niveis son semellantes. O da Ribeira, de menor tamaño, acumula 29,58 hectómetros cúbicos, un 90,2%. O do Eume, un dos maiores de Galicia (só por detrás de Portodemouros), ten encorados 110,7 hectómetros cúbicos, un 90% da súa capacidade. En abril de 2022 estaban ao 87,5 e ao 79%, respectivamente.
A conca hidrográfica Galicia-Costa, en xeral, presenta uns datos de ocupación na mesma liña, tendo en conta os encoros para abastecemento e os de aproveitamento industrial (están a un 85%). Presenta unha situación de normalidade tanto para a seca prolongada como para a escaseza coxuntural.
Esta situación contrasta coa que se deu no verán, cando se decretaron medidas para restrinxir o consumo de acordo co Plan de Seca autonómico, o que en varios concellos da comarca implicou, no verán –cando nas zonas turísticas se multiplica a poboación–, restriccións de auga nas duchas das praias e recomendacións para que non se empregase auga potable en actividades como a rega, o lavado de coches ou o enchido de piscinas.
O encoro das Forcadas, en particular, viviu un verán de continuo descenso do volume e entrou no outono a menos do 60% da súa capacidade. Non foi ata novembro e finais de ano cando as continuas chuvias conseguiron reverter a situación e devolver esta masa de auga a unha situación equivalente á doutros anos por esas mesmas datas. Outras presas, como a do Eume, chegou a estar ao 100%, vertendo tamén por riba e o río Eume desbordouse en lugares como as zonas de merendas no acceso a Caaveiro.
A situación en España, porén, é alarmante nalgunhas concas. A reserva hídrica está ao 51,2% da súa capacidade total pero no Guadalquivir estase ao 25,6% e nas concas internas de Cataluña, ao 26,7%, con áreas desta Comunidade e de Andalucía sufrindo unha seca prolongada. No informe do Ministerio para a Transición Ecolóxica sobre o impacto e os riscos do cambio climático en España, sublíñase a redución de precipitacións na última década, o aumento de fenómenos estremos, ondas de calor máis prolongadas e o aumento xeralizado das temperaturas máximas e mínimas.