Tarde de Entroido por todo o alto a deste luns en Ferrol. Esta festa reivindícase cada ano un pouco máis como outro dos momentos álxidos do calendario da cidade. As condicións meteorolóxicas axudaron e as ganas de pasalo ben do público e, sobre todo, das comparsas, fixo o resto para lograr outro desfile espectacular. Ao tempo, polos arredores os rapaces mantiñan outra tradición: a das batallas de buzos (algún previsor incluso con chuvasqueiro), que deixaron o chan con restos de fariña e de ovos.
As comparsas –e algún disfraz individual, por parellas e en grupos pequenos– saíron da praza de España con puntualidade, ás seis da tarde. Alí se xuntaban xa varias ducias de persoas facendo un corredor para facilitarlles o paso. Moita música en directo, outra que sonaba pola megafonía que levaban acoplada, construcións de todo tipo, coreografías, vestidos homoxéneos e moi traballados e, en xeral, unha posta en escena que incluía microteatro, marcaron o traxecto. As agrupacións ían xuntándose e espaciándose como acostuma a suceder nestas marchas, mentres a xente se ía amoreando nas beiras da rúa Real. A chegada a Amboage, con volta ao redor para entrar desde Dolores, prolongouse durante varios minutos e, mentres os participantes ían tomando posicións, aumentaba exponencialmente a cola para recoller os freixós gratuítos que preparaban na xigante freixoeira de Lestedo.
En torno ás sete e media comezaba o festival en Amboage, baixo carpa e presentado pola xornalista Natalia Anguita. A habilidade demostrada durante o desfile púxose a proba á hora de afinar voces e o xurado tomou nota da creatividade e da calidade musical, entre outros aspectos, para tomar a súa decisión. Foi momento tamén de facer crítica da situación social e de combinar risas e protestas.
O reparto de premios para as comparsas deuse a coñecer preto das dez da noite. Trátase dun trofeo simbólico, posto que os galardóns en metálico repártense entre 630, 620 e 610 euros para o primeiro, segundo e terceiro clasificados, respectivamente, pero as demais tiñan un accésit de 600 euros. Os gañadores foron Paso a Paso, primeiro, seguido de Cingaranza e Os Colludos, en segundo e terceiro lugar.
A próxima cita do será esta tarde, coa festa infanil, coa vista posta xa no enterro da Sardiña en Ultramar. Será o venres, con actividades desde pola tarde e coa queima do boneco prevista para medianoite.