A EPEF inflúe na educación superior de Azerbaidján, Xeorxia e Ucraína do futuro

Este xoves ten lugar no Campus Industrial unha reunión sobre o proxecto, no que participa a UDC, entre outros
A EPEF inflúe na educación superior de Azerbaidján, Xeorxia e Ucraína do futuro
Os representantes das entidades participantes na reunión de onte, no Campus Industrial | Cedida

As profesoras da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol –EPEF– Laura Castro Santos e Almudena Filgueira Vizoso lideran, en representación da Universidade da Coruña, un proxecto europeo para modernizar e empoderar as  entidades de educación superior en Azerbaidján, Xeorxia e Ucraína.


O principal obxectivo do proxecto europeo Erasmus+ “European Energy Efficiency towards Mutually Reinforcing Partnership with Georgia, Azerbaijan and Ukraine (3E-Partnership)” é modernizar e empoderar ás institucións de educación superior destes territorios, así como fortalecer a súa capacidade de resiliencia enerxética e cooperación interrexional.


Este mércores celebrouse un dos encontros presenciais dos implicados, que continúa hoxe no salón de actos Concepción Arenal. Os 40 representantes das universidades e institucións participantes foron recibidos na pasada xornada pola vicerreitora do Campus e Responsabilidade Social, Ana Ares, así como polo director do Campus Industrial, Marcos Míguez.


A coordinación desta iniciativa de innovación docente recae na Business and Technology University de Xeorxia, aínda que, ademais da UDC, tamén participan a Katholieke Universiteit Leuven de Bélxica e a Politecnico di Milano de Italia.


Do mesmo xeito, de Xeorxia implicáronse a Georgian Technical University, a Iakob Gogebashvili Telavi State University e a Energy Efficiency Centre Georgia; de Ucraína, a Donetsk National Technical University e a Ukrainian State University of Science and Technology, e de Azerbaidján, a ADA University e a Khazar Universit.


A UDC dispón de 74.651 euros, dos 728.234 euros adxudicados en total, para desenvolver a súa parte do proxecto, que se centra na cocreación de coñecemento no ámbito da eficiencia enerxética, por medio do traballo realizado polo profesorado da EPEF e da Facultade de Economía e Empresa do Campus da Coruña.

 

Propósitos


O proxecto europeo Erasmus+ ”3E-Partnership” xira en torno a dous puntos básicos sobre os que pretende materializarse. En primeiro lugar, trátase de co-deseñar, á marxe de pilotar, un plan de estudos en eficiencia enerxética dirixido ás titulacións de grao e máster. Por outra parte, o segundo piar fundamental é a creación dunha serie de Laboratorios de Enerxía e de Redes Ecolóxicas.


Ademais, pódese prever que este proxecto terá consecuencias sobre as institucións, as persoas, o estudantado e o persoal académico participante. Neste sentido, o acceso ás infraestruturas, aos coñecementos e aos recursos máis actualizados no eido da eficiencia enerxética serán mellorados de maneira significativa. 

A EPEF inflúe na educación superior de Azerbaidján, Xeorxia e Ucraína do futuro

Te puede interesar