Algunhas persoas pioneiras xa visitaron a pasada fin de semana a nova sede da Escola Aberta de Arte, na rúa A Coruña 76, ao asistir á preinauguración que celebraron os seus responsables no marco da iniciativa Estudios Abiertos. Este proxecto apostou pola participación do centro antes mesmo da súa reapertura, un cuarto de século despois de que botara a andar por primeira vez, prometendo unha maior diversidade de oferta cultural. Neste momento atópase nun proceso de “soft opening”, polo que a actividade está en marcha aínda que soamente nunha pequena parte das instalacións, que prevén estrear cun evento grande en maio.
Carmen Martín e Miguel Anxo Varela foron os fundadores orixinais, un equipo ao que agora se suman os seus fillos maiores, Rosalía e José, amais de incorporar a fichaxe de Daniel Estrada, que chegou a Galicia hai arredor de sete anos. A familia volve á cidade tras dunha estadía de catro anos en Portugal para xestar unha nova versión da escola, continuando coa pintura como legado principal, aínda que con vistas a fusionar distintas disciplinas como acontece na vida diaria destes artistas.
O centro segue a mesma liña coa que naceu, o 18 de outubro de 1999, de ofrecer formación de calidade, engadindo certas novidades como métodos dinámicos de ensino para os pequenos ou a cobertura da “parte máis científica da arte”, sinala José Varela.
Desta última dimensión ocuparase Daniel Estrada a través das clases de reforzo que ofrecerá na súa especialidade: o debuxo técnico. Aínda que posúe experiencia co alumnado de ESO e Bacharelato, niveis nos que se imparte esta asignatura, as súas leccións están abertas a calquera idade. En relación con este docente, a compañeira destacou “o importante que é ter profes particulares que enfoquen dende un punto de vista lento, con paciencia, e eu penso que el ten iso”.
Tal como trasladan as novas xeracións, o proxecto continúa polo mesmo camiño no que comezou, co destino de dar importancia a todo aquilo que non lles ensinaron ben aos fundadores na súa formación en Belas Artes. Así, o método de ensino tamén é semellante, recoñecendo o valor dos estímulos positivos, aínda que mantendo pingas de rixidez nas aulas, co obxectivo último da aprendizaxe. “Por exemplo, a goma non está permitida”, relata Rosalía Varela Martín, xa que a finalidade é “que sea pintura que nazca desde uno y no desde la inseguridad”, completa Estrada.
“Se pintas peor e queres vir a Escola Aberta, mellor”, declara José Varela, dando conta da precaución ou vergoña que adoitan ter as persoas inexpertas, que senten a necesidade de avisar do seu descoñecemento cando son, precisamente, os alumnos ideais. “Os cracks teñen cabida tamén”, continúa, xa que sempre se pode tratar de desaprender malos vicios ou darlle unha volta aos coñecementos xa adquiridos. En todo caso, as aulas serven para aprender técnicas artísticas ao mesmo tempo que se aproveita un momento de lecer de xeito agradable e entretido.
Estudios Abiertos supuxo unha oportunidade para presentarse ao público ferrolán que non podían deixar pasar, polo que a solución do “soft opening” axeitouse ás súas necesidades, a pesar de que o espazo se fixera pequeno durante o evento, debido á cantidade de xente que se achegou. Así mesmo, o encontro constituíu unha mostra en miniatura do que desexarían realizar nun futuro, xa que Rosalía, que tamén é cantante, e Daniel, pianista, actuaron ao mesmo tempo que se retomaba a proposta do “Retratista nómada”, que idearan Carmen Martín e Miguel Anxo Varela hai arredor de dez anos.
Estas habilidades musicais poderían aproveitarse para algunha das formacións monográficas que pretenden lanzar dende a Escola Aberta de Arte. Rosalía Varela agarda dedicar un destes obradoiros á elaboración de xoiería artesá e sostible, xa que outra das súas facetas é a creación de pendentes (@rosalia.fai.pendentes). Para estes complementos adoitaba utilizar arxila polimérica, aínda que recentemente deu un xiro ao seu proxecto ao apostar por materiais naturais reutilizados coma os ósos de aguacate. Pola súa banda, Daniel Estrada advirte da intención de ofrecer un taller de beatbox, unha técnica que practica dende os 12 anos.
Os fundadores vendían material artístico no anterior establecemento e nesta ocasión comezan a súa andaina comercial ofrecendo principalmente arte. Carmen Martín ofrece os seus cadros, amais de crear murais e outras pinturas por encargo. En canto a Miguel Anxo Varela, este tamén responde a pedidos persoais na súa especialidade, a caligrafía.
Á marxe dos complementos artesanais da súa irmá, que xa están expostos cos seus correspondentes prezos, José Varela tamén pon a disposición os prints e as historias ás que vai dando vida (@jopiluis). Este responsable ocúpase dunha parte fundamental na que se diferenza esta nova-vella escola da súa versión previa, a imaxe renovada que exhiben nas redes sociais que acaban de saír do forno (Instagram e Facebook), nas que está previsto participar no futuro (TikTok), así como na súa páxina web (escolaaberta.online).
Non obstante, a pesar de que pensaron na idea de realizar algunha modificación, o logotipo orixinal mantense sen ningún cambio. Desta volta homenaxean coma nunca o seu nome de Escola Aberta ao dar un salto das clases cara un concepto máis amplo, no que caberán exposicións tanto propias como de artistas alleos á entidade, entre outras.
Ademais dos cinco profesores humanos, con esta reapertura incorporouse un novo socio, unha “criatura máxica”, tal como describe José Varela, un gato que camiña de pé e que imprediciblemente estará presente nalgunhas das aulas para axudar cos seus múltiples saberes.
Esta semana inauguráronse as primeiras formacións da Escola Aberta de Arte, con particularidades coma o idioma, aínda que en todo caso para nenos e nenas. As clases de adultos comezan en abril coas aulas de debuxo e pintura itinerantes de paisaxe, a cargo de Carmen Martín, os mércores de 11.00 a 13.00 horas.
Esta iniciativa exclusiva vaise incorporar ás clases habituais, reservando nestas algún espazo para as saídas, nas que se creará en vivo baseándose nun espazo da contorna. Así mesmo, os luns e martes, de 16.00 a 18.00 horas, Daniel Estrada impartirá os cursos de debuxo técnico e os sábados, Miguel Anxo Varela, profesor na Escola de Artes e Oficios de Ourense, ensinará caligrafía e “lettering”.
Dentro das citas para pequenos, José Varela será o responsable dos “Mércores in english” semanalmente de 17.00 a 18.30. Xa coas leccións impartidas en galego ou en castelán, os sábados, de 11.00 a 12.30 horas, tamén o acompañará Rosalía Varela. Os interesados en anotarse nestas aulas ou nas formacións monográficas que completan a totalidade da oferta poden contactar por medio da nova web ou das redes, así como no 657 033 782.