Esperanza Piñeiro: “Exponav é un dos mellores museos do mundo no seu xénero, sen dúbida”

A revista FerrolAnálisis preséntase este xoves ás 19.00 horas
Esperanza Piñeiro: “Exponav é un dos mellores museos do mundo no seu xénero, sen dúbida”
Esperanza Piñeiro dirixe FerrolAnálisis I D. Alexandre

O último número de FerrolAnálisis preséntase mañá xoves –19.00 horas– no Museo da Construción Naval, que é, tamén, o tema que aborda este monográfico que edita o Club de Prensa. A directora da revista, Esperanza Piñeiro, cre que Exponav “mostra a esencia de Ferrol”.

 

A idea de lle dedicar ao Museo da Construción Naval un caderno levaba tempo sobre a mesa? 
Desde hai moitos anos o Club de Prensa colabora con Exponav, onde facemos moitas das nosas actividades. A finais de 2022 ocorréusenos que, tendo en conta que en 2023 se ían celebrar os 15 anos da súa inauguración como Museo da Construción Naval, editar un monográfico podería ser un bo peche a todos os actos que se organizasen. Dende o Club de Prensa plantexámolo como a homenaxe a un museo que mostra a esencia de Ferrol.

Como se seleccionaron os autores deste número? 
Reunímonos co xerente, Rafael Suárez, para decidir quen tiñan que colaborar partindo da idea de que había que plasmar, por unha banda, o que é e como funciona Exponav e, ademais, como foi todo o proceso, que foi moi longo. Agora celebramos os 15 anos desde que se inaugurou, pero 30 desde que xurdira a idea e se empezase a traballar, a recompilar información e material, a buscar apoios institucionais, desde as primeiras exposicións, incluída a participación na Feira de Mostras... A idea inicial era facer unha exposición temporal, pero a medida que se foron atopando fondos pensouse que tiña que ser permanente. Para contar todo este longo proceso pensamos que o mellor era que escribisen os tres xerentes (José Castro Luaces, José María Cardona e Rafael Suárez), ademais de José Ramón Cancelo, que fala sobre as orixes; Ainhoa Leal, sobre a biblioteca e mais o arquivo; e Cristina Vidal, que nos leva da man pola exposición. Ademais, quixemos falar tamén da transformación arquitectónica do edificio en museo e para iso contamos cun dos implicados, Manuel Amable Romero.

Exponav ten un papel relevante na pretensión de sermos Patrimonio da Humanidade

 

De que maneira contribúe o Museo da Construción Naval a mellorar a imaxe de Ferrol? 
Podemos dicir que é un dos mellores museos do mundo no seu xénero, sen esaxerar. O meu home e mais eu visitamos moitísimos museos vencellados ao mar por España, Francia, Países Baixos ou Bélxica e chegamos á conclusión obxectiva de que Exponav ten uns fondos estupendos, non só o cofre que atesoura todas estas marabillas, senón tamén polas xoias que alberga. Eu levei moitos anos ao alumnos de bacharelato e sempre quedaban marabillados da súa beleza e do que aprendían. Tamén é valorado polos turistas: cada vez hai máis, o Camiño Inglés vai tamén para adiante e son moitos os que visitan o museo. Que unha cidade conte con varios museos coma este, o Museo Naval o da Sociedade Galega de Historia Natural e o da Semana Santa (e aínda máis que tiña que ter) é importantísimo para o de-senvolvemento económico, cultural e de orgullo de cidade. 


Cada vez hai máis visitantes, pero segue a ser descoñecido para moitos ferrolterráns? 
Coido que os ferroláns estamos a romper esa barreira. Tamén é importante que Exponav realice actividades que non teñen que ver só co museo e ceda os seus locais. Aínda queda moita xente que non entrou nel e que, sen embargo, cando viaxa si accede aos museos das cidades que visita, pero creo que iso está a mudar. Levar aos estudantes ou as visitas guiadas pola cidade deixan un pouso nos máis novos e logo, no futuro, serán eles os que van levar aos seus fillos ou aos seus amigos que veñen a Ferrol. E tampouco podemos esquecer que o museo xoga un papel relevante na pretensión que temos de ser Patrimonio da Humanidade.

 

Gustaríame que o museo da cidade comezase a funcionar xa, aínda modestamente

 

Falaba antes de que Ferrol ten que ter algún museo máis. Que posición ten a respecto da creación dun sobre a cidade, idea que colleu forza trala exposición “Ferrol no tempo”?
Estou implicada nese proxecto, como o está un grupo amplo de persoas que reivindicamos ese museo. Así como Exponav tivo que dar os primeiros pasos lentamente, gustaríame que comezase xa a camiñar, aínda que fose modestamente. É unha demanda da sociedade de Ferrol e, ademais, hai material: hai moitos particulares que teñen fondos e pezas que poderían donar ou ceder. Algunhas corren o perigo de perderse porque están nun faiado ou porque os propietarios son maiores e os herdeiros, se cadra, non lle dan a importancia que teñen, así que canto antes comece, mellor. Ferrol non pode ser a única urbe de Galicia que non teña un museo da cidade. Repito, mentres non teñamos un local definitivo, coido que xa se podería comezar con pequenas exposicións para recompilar material e botar a andar modestamente.  

 

É optimista?
Agora comezo a selo. Levamos moito tempo falando disto: cando cheguei a Ferrol hai 40 anos xa se estaba a falar. Coido que agora si, se cadra non tanto con respecto á consecución dun local que reúna todas as condicións para crear algo definitivo, pero penso que poderiamos ir comezando. 

Esperanza Piñeiro: “Exponav é un dos mellores museos do mundo no seu xénero, sen dúbida”

Te puede interesar