A segunda edición do concurso “Anpas Galegas-Somos Rural”, de nivel autonómico, concede o premio ao traballo entregado por un conxunto de estudantes de 4º da ESO e 1º de Bacharelato do IES Concepción Arenal, que inclúe un vídeo que pode verse neste enlace xunto ao resto do proxecto. Baixo o título de “Ferrol, máis rural do que pensas”, un dos obxectivos dos autores é plasmar a necesidade de revalorizar o territorio natural da cidade.
“Se queremos educar nos valores dunha verdadeira sostibilidade”, expón Fernando Martínez, mestre e director do proxecto, “temos que poñer en valor non soamente a sociedade galega rural tradicional senón tamén como esas ideas están actualizándose con proxectos vivos”, continúa.
Segundo comunica Martínez, este é un tema pertinente para boa parte do sector docente ferrolterrán, xa que desta comarca tamén participaron os colexios San Xoán de Filgueira, con “Labrando, hoxe e sempre”, e Os Casais, en Maniños, con “A cultura da auga. As lavandeiras”. O traballo materializouse nun vídeo de tres minutos, unha galería fotográfica, unha memoria escrita e un cartel para identificar o proxecto, que serviu para amosar aos participantes unha realidade que non adoita estar presente nos centros educativos.
A excepción dun dos alumnos, os integrantes de 1º de Bacharelato colaboraron en parte do proceso detrás das cámaras, como aprendizaxe da materia de Cultura audiovisual. O resto de estudantes que saen no vídeo son de 4º da ESO, aos que Martínez imparte clase de Física e química. “Se o proxecto saíu adiante foi polo seu entusiasmo”, recoñece Martínez do seu grupo, que estivo disposto a saír rodar incluso cando chovía, xa que o bo tempo cadrou cos exames. Ademais, achegaron ideas propias que os levaron a gravar en puntos como Mandiá e San Felipe.
“O termo municipal ten moito rural”, declara o profesor, polo que decidiron centrarse en tres eixos temáticos. En primeiro lugar, escolleron un monte veciñal, o do Chá de Brión e Doniños, polo que os alumnos coñeceron os usos e actividades que se desenvolven no lugar, como a gandaría extensiva con cabalo galego ou a recuperación das mámoas.
O segundo pilar son as parroquias dos vales, que demostran que “o rural está ás portas da cidade”, indica Martínez, que pon o exemplo de Canido e Serantes, onde tamén habitan vacas, para sinalar a agricultura e gandaría a pequena escala que non deixou de practicarse. “Se ben en poucos casos é a actividade principal, si é un complemento das economías familiares que coida o territorio e sostén a vida”, valora o mestre.
A última idea central rexístrase ao final do vídeo, con escenas rodadas nas hortas veciñais de Canido, nas que, segundo Martínez, ao igual que nos montes do Chá, se realiza unha práctica comunitaria, que é un dos valores esenciais para “re-ruralizar” a cidade, necesidade que recolle a propia memoria do proxecto.
A entrega simbólica do premio, por valor de 800 euros, terá lugar o día 11 de xuño no propio IES Concepción Arenal, onde se proxectarán todas as creacións dos concursantes. A contía está destinada a unha actividade extraescolar, e neste caso a intención é levar aos alumnos a coñecer outro rural, Os Ancares.