Ferrol volverá abrir o calendario de feiras do libro de Galicia, o venres 19, que se desenvolverá, como é habitual, na praza da Constitución, no Cantón de Molíns, con pregón da autora de literatura infantil Paula Merlán. Ademais das casetas das sete librarías e editoriais que participan –Pedreira, Metrópolis Cómics, Cartabón, Edicións Embora, Central Librera Real, Estraviz e Central Librera Dolores–, onde se desenvolverán diferentes actividades, nomeadamente sinaturas de libros, unha carpa centralizará as presentacións e os coloquios.
Nesta edición, todos os libros que se merquen terán un desconto do 10%, un incentivo máis co que a organización da feira, a cargo da Federación de Librarías co apoio do Concello, a Xunta e a Deputación, quere promocionar a cultura.
A mestra e autora de literatura infantil Paula Merlán será a encargada de ler o pregón desta edición ese mesmo venres 19 ás 12.30 horas, aínda que a actividade principiará unha hora antes cun espectáculo infantil, que leva por título “Son Animal” a cargo de Paco Nogueiras.
Paula Carballeira, Rosa Aneiros e Abril Camino presentarán libro
A animación será un dos atractivos desta edición. O sábado, neste caso ás 17.30 horas, Pakolas e Xabi Domínguez, autores de “Unha animada de colexio”, que publica a editorial ferrolá Embora, escenificarán ese mesmo espectáculo, moi vencellado coa música. Ademais, o domingo haberá teatro infantil, a cargo da compañía Caramuxo, que representará a obra “Feo”.
Outro dos reclamos da Feira do Libro de Ferrol serán os coloquios. O primeiro será o venres (17.30 horas) e tratará o feito de “Escribir desde Ferrol” a respecto das antoloxías “A Sombra do Mal” e “La nueva fábrica de lápices”. Dúas horas máis tarde, Rober Cagiao e Natalia Monje conversarán sobre a novela negra, mentre que o sábado, ao mediodía, a pedagoga María Couso ofrecerá unha charla sobre “O cerebro lector e a importancia da lectura compartida”. “Historias dende o mar” chámase a conversa que manterán Pablo Rañales e Juan Parcero o sábado ás 19.30 horas, e o domingo ás sete Eugenia Tenenbaum e @lectoralila manterán un coloquio arredor do feminismo na arte.
O programa complétano as presentacións –todas na carpa de actividades– e as sinaturas –nas casetas–. No que respecta ás primeiras, Abril Camino falará o venres ás 18.30 horas sobre a súa obra “Nuestro último verano en la isla”, acompañada pola xornalista María Nieto. Á mesma hora do sábado, Rosa Aneiros, pola súa banda, presentará “A noite das cebolas”, xunto co tamén xornalista Raúl Salgado, e o domingo ás seis da tarde Paula Carballeira compartirá co público “Ubasute”.
Ao longo dos tres días que dura a feira asinarán os seus libros Juan Galán, Manuela Santalla, Ángel Barrios, Marta Teijido, Pablo Rañales, Sara González Veiga, Xoán Rubia e Abril Camino –o venres–; Eduardo Pérez Baamonde, Guillermo Llorca, Rober Cagiao, Ángel Barrios, Ana Meilán, Lara Beli, Ramón Veiga, Paula Merlán, Pilar Berrio, Silvia Salgado e Micalela Barbeito –o sábado–; e Fátima Casanova, Rober Cagiao, Teresa Cameselle, Jesús Busto, Stephanie Olwen, Pablo Rañales, María Donapetry e de novo Paula Merlán na xornada do domingo.