Ferrol consolídase como a segunda sede do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica grazas aos once espectáculos que acollerá entre os días 4 e 8 de xullo. Ademais, o Concello de Mugardos repite este ano con dúas propostas, convertindo a comarca no epicentro das propostas relacionadas coa transmisión de contos e historias cun total de trece funcións gratuítas para grandes e cativos. Esta intensa actividade, apuntan desde a organización dun evento que chegará a máis dunha vintena de concellos galegos, é posible grazas ao finanzamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e á colaboración dos devanditos municipios.
A Biblioteca municipal de Ferrol abrirá precisamente mañá o prazo de iscrición en dúas das actividades enmarcadas no Festival Atlántica. Na planta baixa terá lugar o martes día 4, ás 18.00 horas, a proposta “Nin dúas nin tres... Era unha e só unha vez”, a cargo do portugués Luis Carmelo e dirixido a menores a partir de cinco anos de idade.
Para poder asistir haberá que apuntarse previamente, a partir das 10.00 horas de mañá, mediante formulario na web da biblioteca. Outra das propostas para as que haberá que anotarse desde mañá –a partir das 9.00 horas– consistirá no “Roteiro polo Ferrol Ilustrado” que o 7 de xullo, ás 19.00 horas, dirixirá o escritor e historiador ferrolán Guillermo Llorca. As solicitudes poderán facerse por correo electrónico, teléfono ou presencialmente, informan desde a biblioteca ferrolá.
A programación incluirá ademais o primeiro día, o martes 4, outra función de Luis Correa, ás 20.30 horas no Centro Cívico de Canido, onde os adultos poderán gozar coas historias de “Contatinas”.
O mércores 5 será a quenda do cubano Pedro Mario López, quen tamén contará para cativos (18 h, Biblioteca Municipal, “Do monte veño e ao monte vou”) e maiores (20.30 h, Capela C. Torrente Ballester, “Sen destinatario”). O xoves 6 de xullo María da Pontragha protagonizará tamén un programa dobre. Ás 18 h, na Biblioteca Municipal, os nenos descubrirán que historias se agochan dentro de “Un saco de contos” e ás 20.30 h, na Capela C. Torrente Ballester, serán os adultos os que coñezan quen son as “Donas do lugar”.
En canto ao venres 7, o Festival Atlántica programa tres actividades.
A primeira, ás 17.30 horas na Biblioteca, vai ser o concerto sensorial para bebés “Son no berce” de Cris Collazo. A propia Collazo recuncará ás 19 horas co espectáculo infantil “A corva” no Centro Cívico de Canido, e a esa mesma hora comezará o “Roteiro polo Ferrol ilustrado” con Guillermo Llorca.
Atlántica despedirase de Ferrol o sábado 8 de xullo con dous dos narradores galegos máis veteranos: Charo Pita (12.00 horas, Centro Cívico de Canido, “Mares de conto’”) e Cándido Pazó (21.00 horas Cruceiro de Canido, “Unha chea de contos”).
Aínda que todas as actividades son gratuítas, algunhas delas precisan reserva previa vía web ou retirada de convites. Toda a información ao respecto pódese atopar na web de Atlántica ou da Biblioteca Municipal de Ferrol.
Pola súa banda, o Centro de Interpretación de Caldoval de Mugardos recibirá o xoves, 6 de xullo, o espectáculo “Urdimbres” de Pedro Mario López e o venres 7 a estrea absoluta do espectáculo “Ida e volta” do dúo “En branca e negra” integrado pola galega Cris de Caldas e a cubana Amor Herrera (ás 21.30 horas).