Esta fin de semana celebrarase en Pontedeume o encontro Vila do Libro, unha proposta á que o concello vén de adherirse, constituíndo o primeiro territorio galego en acoller esta iniciativa de éxito europeo. Neste marco, os días 23, 24 e 25 ofreceranse distintas citas como concertos, charlas ou obradoiros, todas elas xirando arredor da literatura.
Trátase dun evento herdeiro do proxecto catalán Vila del Llibre, que xa consolidou unha rede de distintas sedes pola Comunidade. Así, a elección da vila eumesa como pioneira do mapa galego tamén ten a intención de afianzarse no ámbito rexional. O evento que comeza este venres achegará “experiencias diferentes de vivir a literatura”, segundo explicou a concelleira de Cultura, Alejandra Bellón, no acto de presentación deste luns. Polo tanto, na súa intervención comunicou que o evento se dirixe tanto a quen ama as letras como ao que non, que pode aprender a querelas dende distintos xeitos.
Enric Bono, promotor do proxecto catalán, tamén estivo presente, quen advertiu de que “por ser la primera edición va a ser un programa bastante variado”. O responsable concretou algunhas partes do cartel, no que colleu dende as novas xeracións en poesía, como Lúa Mosquetera, Celia Parra ou Berta Dávila, até as máis consolidadas como Pepe Barro, do que deu conta do estreito vínculo con Pontedeume.
“Queremos poner al alcance de la gente conocer uno de los oficios más antiguos del mismo, que es el ex libris”, a “marca personal que se dejaba en aquel objeto preciado que es el libro”, indicou Bono, que anima a asistir e crear un destes selos no obradoiro diario.
Encontros con autores, debates, espectáculos, música, contacontos, exposicións, talleres e mercado de editoriais estarán entre as actividades que se ofrecen durante esta fin de semana en Pontedeume. En todo caso, o alcalde, Bernardo Fernández Piñeiro, lembrou que “escapamos do concepto de feira do libro”, en canto á variedade do programa, que ademais pretende atraer especialmente á xuventude como público.
Tal e como sinalou Enric Bono, o festival traerá ao concello a catro dos rapeiros más importantes tanto a nivel galego como europeo, que se medirán nunha batalla de galos pinchada por un DJ. Así mesmo, no acto concretouse que o domingo uniranse música, poesía e pintura no Coliseo, un espazo que “vamos a recuperar como el gran teatro que fue y que es”, indica Bono.