O sábado, no centro cívico de Canido, a Escola de Escritoras e Escritores da AELG propón o derradeiro obradoiro de creación literaria “Eu cantar, cantar, cantei...” a cargo de Antón Cortizas. Para conmemorar a clausura, organizouse unha sesión especial, “A foliada da vila”, con Xurxo Souto e Richi Casás.
A cita, que se desenvolverá de 11.30 a 13.30 horas, está aberta a calquera persoa interesada e, segundo advertiu Souto, “vai ser precioso”. O músico sinalou que a idea é que Casás dea a coñecer os cantos de Rosa e Adolfina, a súa avoa e madriña. Despois, repartiranse letras para “cantarmos xuntos as músicas das traballadoras da conserva” que, segundo Souto, é un xénero popular descoñecido.